CRTVG

Buscar

Trinta anos loitando pola licenza de ocupación das súas casas

Publicado o 08/09/2020 14:00

O edificio Pintos de Bueu construíuse en 1987 cunha licenza para vivendas de protección oficial. Os 19 pisos ocupáronse xa daquela, pero os donos aínda están conseguindo agora a licenza de primeira ocupación... "Trinta anos así, sufrindo", lamenta Teresa, unha veciña dos baixos do edificio Pintos.

A comunidade de veciños librou durante tres décadas unha longa batalla para solucionar o problema en que estes se viron implicados por irregularidades na execución da obra. "Tiña que ter posta a parede 90 centímetros para adentro", indica Teresa. "Os concellos facían aquilo de «ti vai facendo, ti vai facendo», pero é que ese «vai facendo» ten consecuencias", reflexiona José María Alén, outro dos afectados e voceiro da Comunidade de veciños.

Tras a denuncia do propietario do terreo lindeiro, os tribunais condenaron o concello de Bueu por non supervisar a correcta realización da obra. Pero a sentenza non fixo máis que complicar a situación dos propietarios. O momento máis dramático foi cando en 2015 recibiron unha orde de desaloxo forzoso para derrubar o edificio. "A raíz diso, primeiro constituímonos coma unha plataforma, que foi A Lona da Vergoña, e despois constituímonos coma unha asocación de ámbito galego", di José María Alén, que tamén é presidente de AGADE, a Asociación Galega de Defensa Urbanística de Terceiros de Boa Fe.

Por fin o asunto foi collendo solución cunha adaptación do plan local de urbanismo. O Concello chegou a perdirlles perdón expresamente aos afectados nun pleno municipal, pero moitos deles pregúntanse quen lles vai compensar os gastos e os padecementos de todos estes anos. "Ao que pasamos e sufrimos, estamos contentos, pero tamén...", di Teresa, facendo reconto do vivído. "O Concello fixo algo, pero non chegou. Para a semana que vén temos que pagar 30.000 euros de avogados".

Outros veciños, prefiren dar o asunto por resolto porque din estar moi canos do proceso. O que si sentirían coma unha compensación é ver como a sua experiencia contribúe a que se fagan máis cambios normativos para que os compradores de vivendas non corran o risco de ter que pasar polo mesmo ca eles. "Creo que é fundamental que no Rexistro da Propiedade se inscriban todos os procedementos administrativos que afecren a un inmoble", di o presidente de AGADE. E tamén pide que, no caso de que haxa procedementos xudiciais, os maxistrados teñen en conta aos propietarios das vivendas. "É que isto é un calvario en vida, eh! Trinta anos sufrindo e pagando!!!".

Noticias web

08/09/2020