CRTVG

Buscar

Tres novos falecidos pola covid na provincia de Lugo

Publicado o 05/09/2020 21:17

Tres persoas faleceron hoxe na provincia de Lugo, afectadas pola covid. Dúas delas, de 86 e 87 anos, eran residentes do xeriátrico do Incio, onde xa levan 14 mortos logo do gromo que se iniciou o pasado día 19 de agosto.

A outra falecida ten 82 anos e igual que as anteriores tiña patoloxías previas e estaba ingresada no Hula.

O gromo deste xeriátrico, que está intervido pola Xunta, xa afecta a 116 persoas: 34 traballadores e 82 residentes. Doce deles están ingresados.

Entre os veciños non hai contaxiados. O abrocho do Incio veu derivado dun foco no Concello veciño de Monforte, onde xa suman 88 os casos activos, dous máis ca na xornada anterior.

Preocupante é tamén a situación da residencia de Outeiro de Rei, onde volveron aumentar os casos positivos: hai 42 internos infectados e 8 traballadores. Dez dos residentes están ingresados.

Os afectados pola covid continúan aumentando en toda a provincia. Hai oito casos máis ca onte e suman xa 804.

É o barrio da Milagrosa, na capital, onde se concentran máis persoas co virus. Aquí as restricións obrigan a reducir o aforo dos comercios ao 50% e bares e cafeterías só poden atender nas terrazas.

Cóntase que o foco tivo a súa orixe nun pub situado no outro extremo da cidade, cando non había restricións para o ocio nocturno. Tamén se apunta á celebración de dúas comuñóns e a contaxios que se deron nun supermercado.

Xa van arredor de 300 casos positivos.

A hostalería é o sector máis significativo da Milagrosa é tamén o máis damnificado. As probas que lles fixeron aos donos e empregados deron de momento negativo.

En total, na área sanitaria de Lugo están no hospital 50 persoas, 9 máis que o día anterior.

Con seguimento no domicilio hai 747 enfermos.

Noticias web

05/09/2020