CRTVG

Buscar

Tres mortos e un ferido grave no incendio dun baixo en Barcelona

Publicado o 14/08/2020 13:12

O incendio declarouse sobre as seis da mañá nun baixo dun edificio do barrio da Barceloneta. Tres persoas faleceron e unha cuarta foi trasladada ao hospital en estado crítico.

"O lume orixinouse sobre as 6 da mañá, había unhas lapas intensísimas e os veciños intentaron abrir a porta, pero non abría". "É un baixo que ten reixas, era case como un cárcere",  explican as testemuñas do incendio.

Os Mossos d'Esquadra investigan as causas do lume, que se propagou con moita rapidez. Os bombeiros atoparon varias baterías de motocicletas que se estaban cargando no interior da vivenda e sospeitan que puideron provocar un quecemento da instalación eléctrica.

"A instalación eléctrica estaba conectada á luz, non había ningún elemento de seguridade, o que quere dicir que, en caso de quecemento da instalación, non hai un diferencial que salte de seguridade. É unha posible causa do incendio", explica Rafael Álvarez, xefe da unidade de bombeiros.

As tres vítimas mortais son de orixe paquistaní. O edificio non sufriu danos estruturais e os veciños do inmoble xa puideron volver ás súas vivendas.

Noticias web

14/08/2020