CRTVG

Buscar

Tres días de loito en Terrassa polo crime de Judit, última vítima da violencia machista

Publicado o 19/01/2020 21:41

Minuto de silencio en lembranza da última vítima da violencia machista no concello de Terrassa. O alcalde condena o crime de Judit nun manifesto. Lembra que xa van tres mulleres e unha nena asasinadas no que vai de 2020. A súa veciña, de 29 anos, topou a morte no aparcadoiro do edificio en que vivía coa nai.

"Cando entrou a miña sobriña para deixar o coche, antes de que pechase a porta, el deixou o seu coche mal aparcado, con luces e todo, e meteuse no garaxe. E aí non se sabe o que pasou. Segundo nos dixeron, a miña sobriña topárona no coche cun tiro na cabeza e a el de pé, seica o tirou de pé", relata Ramona, tía da vítima.

O suposto asasino, mosso d'escuadra, utilizou a arma regulamentaria para matar a Judit e logo suicidarse. Ambos os dous conviviran xuntos ata que a muller decidiu poñer fin á relación. Non tiña antecedentes xudiciais por violencia machista pero, segundo a familia, levaba meses acosando a vítima.

"Chamábaa pola noite, pola mañá... e había tempo que non estaba con el, dende o verán. O tío acosábaa constantemente", asegura Ramona. "Agardábaa ás oito da mañá onde ía traballar. Ela non quería volver con el e onte agardouna aí, cando entrou no aparcadoiro, seguiuna e matouna. Outro asasino, é o que hai. E pedimos xustiza! É que non hai máis", engade Juanjo, ex-parella da nai da vítima. 

Os Mossos d'Esquadra manifestaron a súa consternación a través das redes e comprometéronse a seguir traballando para erradicar a violencia machista. No consistorio de Terrassa, as bandeiras ondean a media hasta. O Concello decretou tres días de loito oficial polo asasinato da súa veciña.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/01/2020