CRTVG

Buscar

Tres cans ceibos están a causar medo entre os veciños dunha aldea de Padrón

Publicado o 06/07/2020 14:47

Nunha aldea do concello de Padrón, tres cans abandonados están a causar medo entre os veciños. De momento xa mataron algunha ovella, unha cadela e un par de gatos, e a xente teme que poidan atacar persoas, sobre todo os nenos. Protección Civil de Padrón leva días intentando collelos.

Un can branco é o único que conseguimos gravar esta mañá. Anda ceibo canda outros dous algo máis grandes pola aldea de Areal, na Picaraña, no concello de Padrón. Os veciños véñenos vendo a diario desde hai un par de semanas, pero non saben quen os ceibaría.

Andan ao lixo e ao que lles cadra e nos últimos días mataron ovellas, gatos e e unha cadela, a mascota de Samuel, un rapaz de doce anos que presenciou o ataque. Lúa está enterrada preto da casa e Samuel quedou sen a súa amiga, que era máis vella ca el.

O caso é que con este panorama os veciños teñen medo que sigan facendo mal, xa non digamos que puidesen atacar algún rapaz. Os servizos de concello de Padrón conseguiron prender un dos cans perigosos, unha cadela grande.

Agora andan atrás dos outros tres, ben con trampas de gaiolas ou ben tentando tirarlles dardos anestésicos. Os cans asilvestrados vense sempre preto das casas.

 

Noticias web

06/07/2020