CRTVG

Buscar

Tres acusados non se presentan e obrigan a suspender o xuízo contra seis membros do clan dos moróns

Publicado o 25/06/2019 14:02

En Pontevedra quedou suspendido o xuízo contra Sinaí Giménez e outros cinco membros da súa familia, coñecida coma o clan dos Moróns, pola incomparecencia de tres dos seis acusados. Non acudiron á vista tres irmáns do 'rei dos xitanos'. Un deles é Juan Paulo, en paradoiro decoñecido e cunha orde de busca e captura a nivel europeo, xa que se atopa en liberdade provisional.

Os avogados dos outros dous acusados ausentes, Consuelo e Marino, xustificaron a súa incomparecencia por motivos médicos e de mobilidade, respectivamente. Ante estas alegacións, o xuíz acordou unha valoración forense para a muller e unha orde de detención para Marino por obstrución á xustiza e para garantir a súa presenza na próxima vista.

No caso de Juan Paulo, o xuíz ordenou unha nova requisitoria de busca e captura pola causa que hoxe ía ser xulgada en Pontevedra e que se remonta a abril de 2014 cando, segundo o escrito da Fiscalia, os acusados agrediron varios gardas civís e a un avogado ás portas dos xulgados de Tui. Alí concentráranse decenas de persoas á espera do traslado de dous detidos que, supostamente, ameazaran o patriarca da familia do moróns, Olegario Giménez.

En total, a Fiscalia pide para os acusados 27 anos de prisión, con penas que oscilan entre o ano e medio e os seis anos de cárcere polos delitos de atentado contra axentes da autoridade e obstrución á xustiza. Ademais, solicita o pago de idemnizacións por valor de 11.000 euros aos damnificados. O xuízo quedou aprazado para os vindeiros días 16 e 17 de outubro en Pontevedra.


 

Noticias web

25/06/2019