CRTVG

Buscar

Trasladan os primeiros catro maiores non infectados das residencias intervidas

Publicado o 03/04/2020 00:08

O traslado de usuarios libres de coronavirus das residencias privadas de Barreiro (Vigo) e Cangas, ambas intervidas pola Xunta ante o elevado número de contaxios, ao centro de Panxón, en Nigrán, comezou este xoves cos catro primeiros residentes do xeriátrico vigués. Constantino Piñeiro, xestor nomeado pola Administración autonómica destas dúas residencias, explica en declaracións remitidas aos medios que o traslado de maiores será gradual e dependerá da confirmación dos resultados negativos que en primeira instancia deron 30 usuarios de Cangas e 58 de Barreiro. Tamén dependerá de que o diagnóstico de cada residente así o aconselle, e para ese efecto analizarase caso por caso.

Piñeiro subliña que desde que se fixo cargo das dúas residencias intervidas centrou as súas primeiras xestións no "recoñecemento da situación" en ambas e en reforzar o persoal que as atende, en especial o sanitario. Outra das prioridades é intensificar a comunicación cos familiares dos residentes, para que dispoñan dunha información "o máis actualizada posible", subliña Piñeiro. De feito, esta é unha das principais reivindicacións dos familiares, que denuncian períodos de incomunicación cos internos e de desinformación sobre o seu estado de ata unha semana.

Tamén se está dando prioridade, subliña Piñeiro, ao reforzo dos protocolos de limpeza e desinfeccion para propiciar "as máximas garantías sanitarias e de seguridade", e estase planificando un incremento da dotación de equipos de protección individual para os traballadores. As instalacións de Panxón, un centro de lecer e tempo libre titularidade da Xunta que permanecía en desuso, foron desinfectadas completamente onte e estanse adecuando á súa nova función de residencia de persoas maiores.

O centro DomusVi de Cangas contabiliza 104 contaxios activos e seis residentes falecidos, e DomusVi Barreiro, 72 contaxios e seis falecidos. Estas dúas instalacións serán convertidas, tras a súa intervención por parte da Xunta, en residencias integradas en que permanecerán as persoas maiores que xa estean contaxiadas pola COVID-19.

Noticias web

03/04/2020