CRTVG

Buscar

O Goberno do Ecuador derrogará o decreto que encarecía os combustibles

Publicado o 14/10/2019 19:04

Frutifica o diálogo entre o movemento indíxena e o Goberno do Ecuador. Queda derrogado o polémico decreto 883, que incluía a eliminación do subsidios aos combustibles. 

O presidente Lenín Moreno cede e créase de inmediato unha comisión de traballo para redactar un novo decreto que substitúa as medidas máis contestadas por outras que favorezan os sectores empobrecidos do país.

"Como resultado do diálogo, establécese un novo decreto que deixa sen efecto o decreto 883", informaba Arnaud Peral, coordinador residente da ONU no Ecuador. 

A noticia era recibida con aplausos simultáneos: na mesa de negociación aberta onte á noite, e na Ágora a onde os líderes do movemento indíxena acudirán de inmediato a explicar o contido do acordo co goberno que da por concluídas as protestas. 

"Vou informar a todas as nosas bases de que se levanta a medida de feito en todos e cada un dos nosos territorios", anunciou Jaime Vargas, o presidente da CONAIE (Confederación Nacional de Indíxenas Ecuatorianos).

"Eu non teño ningún problema, volvo recalcar, ningún problema en eliminar do decreto todo aquilo que afecte os máis pobres", anunciaba o presidente do país, Lenín Moreno.

A paz que selaba este saúdo ao presidente apenas acaba de reestablecerse. Agora créase unha comisión que elaborará o decreto que substituirá o polémico 883; unha comisión en que participarán os líderes indíxenas e na que permanecen como mediadores representantes da ONU e da Conferencial Episcopal. Os líderes da Confederación de Nacionalidades Indíxenas piden que esas negociacions sexan públicas e de libre acceso para os medidos de comunicación.

O acordo, que podería devolver a tranquilidade ás rúas do Ecuador, chega despois de doce días de mobilizacións, que deixan sete mortos e máis de 1.000 detidos e que deixa este aspecto nalgunhas das principais rúas de Quito.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí