CRTVG

Buscar

Transparencia dá dez días ao Goberno para revelar os nomes do comité de expertos

Publicado o 30/11/2020 20:09
Transparencia dá dez días ao Goberno para revelar os nomes do comité de expertos

O Consello de Transparencia e Bo Goberno (CTBG) ordenou ao Ministerio de Sanidade que revele, nun prazo de dez días, os nomes do comité de expertos que asesoraron o Goberno para xestionar a pandemia, porque considera que non se vulnera o dereito á protección de datos.

Así consta na resolución datada este luns e contra a que cabe recurso ante os Xulgados Centrais do Contencioso-Administrativo de Madrid, na que dá a razón ao reclamante que esixiu a identidade destes expertos aos que aludiu o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias Fernando Simón nunha comparecencia o pasado 6 de maio. 

Ese día, Simón rexeitou dar o nome e os apelidos dos integrantes do grupo de expertos da desescalada para evitar que os técnicos sufrisen "presións" e puidesen "traballar en liberdade". Pero para Transparencia, "que se fagan públicos os nomes, apelidos e o número dos expertos pertencentes á Dirección Xeral de Saúde Pública que fixeron esa función non soamente non atenta contra os datos persoais dos afectados, senón que contribúe ao control da actividade pública e a que os cidadáns coñezan o proceso de toma de decisións relevantes en materia de saúde pública, máxime en situacións extraordinarias" coma esta. 

O CTBG, que censura o atraso por parte de Sanidade en dar resposta ao reclamante, cre que non se debe aplicar "o límite da protección de datos" invocado pola administración porque son datos "meramente identificativos relacionados coa organización, o funcionamento ou a actividade pública do órgano requirido", co que "prevalece o dereito de acceso á información pública". 

A secretaria de Estado de Sanidade, Silvia Calzón, eludiu avaliar a resolución de Transparencia na conferencia de prensa en que informou da evolución da pandemia: "Tivemos coñecemento dela por rexistro hai dez minutos, estamos a estudala, e o pleno da Comisión de Recursos Humanos reunirase mañá", respondeu ao ser preguntada por iso.