CRTVG

Buscar

Tráfico quere reducir ao 50 % a sinistralidade urbana coas novas normas

Publicado o 11/11/2020 09:26

• Falece un motorista ao que levou por diante unha ambulancia en Vigo

A avenida de Madrid, en Vigo, foi escenario onte á noite dun grave accidente de tráfico. Quince minutos antes das dez da noite, unha ambulancia que circulaba polas proximidades da estación de autobuses levou por diante un motorista que se incorporaba á avenida e que, probablemente, non viu o condutor do vehículo de emerxencias.

A colisión foi brutal e os servizos de emerxencias desprazados ao lugar nada puideron facer pola vida do motorista, que faleceu. O tráfico nesta avenida tivo que quedar cortado ata que a calzada quedou limpa.

Os cambios nas vías urbanas

Precisamente a protección dos máis vulnerables, como peóns, ciclistas ou, coma neste caso, motoristas, é o principal obxectivo dos cambios nas normas de tráfico anunciados polo Goberno. En cifras, preténdese con estes cambios reducir á metade a sinistralidade nas vías urbanas. Entrarán en vigor a principios do vindeiro ano e, ademais de incrementar a seguridade, perseguen tamén reducir a contaminación, sobre todo no ámbito urbano.

Algunhas das principais novidades son as seguintes:

- Redúcese, como norma xeral, o límite de velocidade nas cidades a 30 km/h se hai un só carril en cada sentido.
- Endurécense as sancións por utilizar o móbil ao volante, que estará penalizado coa perda de seis puntos do carné de conducir.
- Increméntase a penalización por non usar o cinto de seguridade, que pasa de tres a catro puntos de sanción.
- Rebáixase a idade mínima para obter o carné de camión (dos 21 aos 18 anos).
- Modifícase o exame teórico para a obtención do permiso: será máis amplo e interactivo.
- Patinetes: a velocidade máxima será de 25 km/h; só poderán usarse na calzada, nunca nas beiravías. Queda prohibido usar auriculares mentres se conduzan, e o vehículo deberá ter un certificado de circulación.


 

Noticias web

11/11/2020