CRTVG

Buscar

Nos próximos días van tratar de desencallar o Blue Star, embarrancado en Ares

Publicado o 07/12/2019 14:18

• A data concreta dependerá do tempo que faga

• As preamares máis altas coinciden coa lúa chea 

O reflotamento do Blue Star, o buque embarrancado en Ares, está previsto para a semana que vén, probablemente o sábado, para aproveitar a preamar máis alta. Entrementres estano preparando para a operación porque fixo máis dunha ducia de vías de auga.

Os traballos que se están a levar a cabo no Blue Star buscan mellorar a flotabilidade do buque antes de que os remolcadores intenten desencallalo. O quimiqueiro danou o forro exterior e hai risco de que rompa máis cando traten de sacalo. Os curiosos que se achegan a velo coinciden en que non vai ser un labor doado.

Un operario que nos falou fóra de cámara era máis optimista. Mostrábase convencido de que o sábado que vén, axudados pola preamar máis alta e, segundo nos dixo, cun terceiro remolcador máis grande, conseguirían poñelo a flote.

Con todo, a data tamén depende, entre outras cuestións, do tempo que faga. Vén ben que haxa algo de mar para axudar ao remolque, pero se é demasiado habería que esperar.

Noticias web

07/12/2019