CRTVG

Buscar

Traballadores de Alcoa levan a súa protesta ante a Xunta e volven esixir a intervención

Publicado o 01/07/2020 20:54

Centos de traballadores e os seus familiares da fábrica de aluminio da multinacional estadounidense Alcoa manifestáronse este mércores ante a sede da Xunta para pedir unha intervención pública e que os executivos central e autonómico "se deixen de liortas e remen na mesma dirección".

Durante a protesta, os manifestantes botaron ovos con pintura e papel hixiénico á sede da Xunta e exhibiron féretros, bengalas e pancartas con lemas como "Enerxía solución", "Eu voto peche non" ou "As cubas non paran", en protesta polos plans da dirección de Alcoa de despedir máis de medio milleiro de empregados.

O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, asegurou que a empresa Aluminios de España xa funcionaba antes de que chegase Alcoa e "seguirao facendo despois", e sinalou que se a ministra de Industria, Reyes Maroto, "non ten valor para intervila, intervirémola os traballadores".

Ao preguntarlle sobre a advertencia da ministra á dirección da empresa de que se pecha esa fábrica deberá reembolsar as axudas públicas concedidas, Zan sinalou que "o que ten que facer non é pedirlle diñeiro", senón "dicir que Alcoa non se pecha".

Os representantes sindicais tiñan previsto reunirse ás 13:15 horas co conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, para reclamar o seu "apoio á intervención" pública. Pero ese encontro foi finalmente desconvocado por parte do propio comité de empresa.

Aseguran que esta desconvocatoria responde a un tema organizativo interno dos propios convocantes da mobilización, totalmente alleo á Xunta. Aínda así intentarán trasladar este encontro co Conselleiro de Economía e Industria a outra data.

Mentres, na Mariña continúa a xornada de folga que está tendo un seguemento do cento por cento do persoal da factoría de Alcoa. Mañá está previsto un encontro entre os traballadores e a dirección da empresa.

Barricadas, concentracións e queima de pneúmaticos ás portas de Alcoa. A noite foi tensa para os traballadores dunha factoría co seu futuro no aire.

Alcoa segue adiante co seu plan de despedir 534 traballadores da planta de produción de aluminio primario. Pero o impacto no emprego chega tamén ás compañías auxiliares e a todo o tecido económico da Mariña, que se suma á xornada de folga cun peche dos negocios.

Os traballadores reclaman do Goberno un plan de futuro que garanta o mantemento do emprego e a produción da única planta de alumnio primario que queda en España.

Tras desta xornada de mobilizacións, a dirección de Alcoa convoca os traballadores a unha nova xuntaza que se celebrará mañá para trasladarlles os detalles do ERE.

O conselleiro de Economía di que fixar a tarifa eléctrica é competencia exclusiva do Goberno. Acusa o executivo de Pedro Sánchez de ter como obxectivo pechar Alcoa e pídelle que asuma a súa responsabilidade de buscar unha solución.

A ministra de Industria pon a pelota no tellado da compañía. Cre que a decisión de pechar é de Alcoa e nega que o Goberno non estea a apoiar a continuidade da planta.

O candidato da Marea Galeguista, Pancho Casal, reclamoulle ao Goberno de Pedro Sánchez o estatuto para as empresas electrointensivas. Casal afeoulle ademais á ministra de Traballo, Yolanda Diaz, que non faga nada pola súa terra nunha situación crítica para A Mariña.