Traballadores das auxiliares de Meirama esixen alternativas de emprego
Traballadores das empresas auxiliares da central térmica de Meirama, en Cerceda, concéntranse este mércores diante da planta para demandar "futuro" e unha "transición xusta", despois de recibiren o martes a súa carta de despedimento. Denuncian que non se lles ten en conta nos procesos de desmantelamento da central e demandan "alternativas".
"Dende que se anunciou o peche da central térmica de Meirama fixéronse unha serie de anuncios que na realidade son mentira, porque a día de hoxe hai un peche da central, hai despidos sen recolocación, sen alternativa de futuro, non hai continuidade para o cadro de persoal das auxiliaresnin perspectiva de alternativas futuras de reindustrialización", afirma Paulo Carril, secretario xeral da CIG.
Din que se permitiu un "despedimento por goteo" e que "Naturgy non asume as súas responsabilidades". Así mesmo, tamén se queixan de que "nin o goberno español nin o galego están a facer nada".
"É un despropósito que non se lle dea continuidade a todo o cadro de persoal durante eses cinco anos, mentres non se definen eses proxectos industriais de futuro cos que reindustrializar estas comarcas", conclúe Paulo Carril.