CRTVG

Buscar

Tosquiadores galegos percorren explotacións para rapar ovellas

Publicado o 17/06/2019 21:05

O final da primavera é o momento propio para rapar as ovellas e que non pasen calor no verán. En Galicia era habitual que este labor o fixesen tosquiadores polacos, pero este ano unha cuadrilla de Negueira de Muñiz está a percorrer as explotacións galegas. Utilizan a técnica de pendurarse duns ferros e pelar cada ovella lévalles menos dun minuto.

En pouco máis de tres horas, os tosquiadores de Negueira de Muñiz son quen de rapar as 200 ovellas que compoñen o rabaño nunha explotación da Pontenova. Cada animal ocúpales arredor dun minuto. A técnica que utilizan consiste en pendurarse dos ferros nunha plataforma para que a espalda sufra o menos posible. O método deseñárono en Nova Zelandia e introducírono en España os tosquiadores polacos que percorren as explotacións ovinas. Este ano, a asociación de criadores OVICA comezou a contratar os rapadores afincados en Galicia.

A rapa é imprescindible para o benestar das ovellas xa que van pasar os vindeiros meses no monte e poderían ter problemas coa calor. Ademais de rapalas, a cuadrilla aproveita tamén para desparasitalas mediante inxección e para acondicionarlles as pezuñas. Os animais non sofren ningún dano ao seren rapados, como demostra a docilidade coa que se deixan pelar. O prezo da rapa é de 1,50 euros máis IVE por cada exemplar aínda que varía en función do número de ovellas que haxa na explotación. Outro proceso traballoso é conseguir levar os animais ata o lugar da rapa e separar as crías das adultas.

O único aspecto negativo é que malia a grande cantidade de la que se saca das ovellas, os gandeiros apenas reciben cartos por ela e mesmo teñen dificultades para que llela recollan.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/06/2019