CRTVG

Buscar

Torra respóndelle a Sánchez que poden reunirse hoxe mesmo en Barcelona

Publicado o 21/10/2019 11:17
Torra respóndelle a Sánchez que poden reunirse hoxe mesmo en Barcelona

O presidente da Generalitat, Quim Torra, respondeu tamén por carta á misiva do presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, a quen convidou a celebrar hoxe luns unha reunión, aproveitando a súa visita a Barcelona.

Torra enviou unha nova carta a Sánchez, que se despraza hoxe a Barcelona para visitar os axentes feridos nos disturbios destes días e que mandou unha misiva ao presidente catalán para lembrarlle a súa obrigación de condenar a violencia e "evitar a discordia civil".

Na súa carta de resposta, Torra emprázao a un encontro: "Aproveitando que soubemos a través dos medios de comunicación da súa visita a Cataluña, póñome a disposición para ter unha reunión hoxe mesmo. Enviando esta carta, volveremos poñernos en contacto con vostede telefonicamente para volverlle a ofrecer un diálogo sen condicións".

Fontes próximas ao presidente apuntaron a Efe que o xefe de gabinete de Torra chamou posteriormente ao xefe de gabinete de Sánchez, que "non respondeu ao móbil", polo que desde a Generalitat enviáronlle unha mensaxe para pedirlle concretar unha reunión en Barcelona.

Na carta remitida esta mañá, Torra lembra a Sánchez que esta fin de semana lle telefonou "dúas veces e non se quixo poñer" ao teléfono, o que ao seu entender "non é un bo sinal de vontade de diálogo".

Precisamente, onte á noite, unha reportaxe do programa 30 minuts emitido por TV3, co título Sentenciados, incluía unha escena en que un colaborador do presidente entraba no seu despacho para comunicarlle que Sánchez "non se poñía" ao teléfono e escoitábase a reacción de indignación de Torra: "Non se poñen? É incrible. Que collóns... En días así e non se poñen ao teléfono".

Na carta que o presidente da Generalitat enviou este luns pola mañá, expón a Sánchez: "Quixen falar con vostede sen poñer condicións", e engade tres consideracións.

A primeira, sinala Torra, é que "é un deber de calquera gobernante dun Estado democrático e de dereito respectar e facer respectar os dereitos humanos, civís e políticos dos cidadáns", que, ao seu xuízo, en Cataluña foron "vulnerados" de maneira "sistemática por razóns ideolóxicas".

En segundo lugar, Torra subliña que é tamén unha "responsabilidade prioritaria dun presidente do Goberno propiciar o diálogo entre aqueles que pensan diferente".

"A ausencia de diálogo, a imposición do silencio ou a represión da libre expresión favorecen a fractura social e a deterioración da convivencia", engade.

Por último, Torra argumenta que "un representante público de conviccións democráticas debe favorecer a expresión democrática dos cidadáns e a procura de saídas democráticas e pacíficas aos conflitos", xa que "non dar saídas democráticas aos conflitos é un síntoma de involución nun Estado moderno no seo da Unión Europea".

Por outra banda, esta mañá, sobre as 8.00 horas, reuniuse no Palau da Generalitat o gabinete de seguimento da crise, con Torra, o vicepresidente do Govern, Pere Aragonès, e os consellers  Meritxell Budó, Ester Capella, Alba Vergés, Miquel Buch e Damià Calvet.

A reunión, segundo fontes da Generalitat, serviu para analizar a situación derivada das mobilizacións dos últimos días, valorar o estado e condición dos feridos e os detidos e "constatar a nula vontade de diálogo do Goberno español ante o conflito político entre Cataluña e España".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí