CRTVG

Buscar

Sánchez está disposto a reunirse con Torra cando "haxa goberno"

Publicado o 17/12/2019 20:59

Quim Torra pediulle a Sánchez unha reunión, e o presidente en funcións aceptou; "o antes posible", díxolle, pero despois da investidura, para abordar o que ambas partes recoñecen como un conflito político.

Pouco despois desta chamada, Sánchez anunciaba unha conferencia de presidentes autonómicos, pero Torra deixa no aire a súa asistencia, igual que o presidente vasco. Nin Torra nin Urkullu asistiron á última que se convocou. O lehendakari pídelle unha comisión bilateral para tranferir máis competencias.

E en paralelo, Adriana Lastra reúnese cos partidos no Congreso. Esta mañá, avanzou nas negociacións con Esquerra Republicana e levantou o veto a Bildu.

O presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, e o presidente da Generalitat, Quim Torra, mantiveron unha conversa telefónica este martes ás 9.19 horas en que Sánchez mostrou a súa disposición para reunirse con Torra "canto antes", segundo explicaron fontes da Presidencia da Generalitat.   

Na chamada, enmarcada na rolda de contactos con presidentes autonómicos que está a realizar, Sánchez "volveu recoñecer a natureza política do conflito" catalán e afirmou que é necesario avanzar, segundo as mesmas fontes.    

Torra defendeu que a solución ao conflito pasa por "o exercicio do dereito de autodeterminación e o fin da represión así como a liberdade dos presos políticos" e queixouse de que Sánchez non atendese ás súas chamadas.

Pola súa parte o xefe do Executivo en funcións trasladoulle este martes ao presidente da Generalitat de Cataluña a súa disposición para reunirse con el cando haxa goberno e arranque a lexislatura, como fará co resto de presidentes autonómicos.

"A vontade de Pedro Sánchez é atopar unha resposta a esta crise política", sinalaron fontes de Moncloa, tras a conversación telefónica do presidente en funcións con Torra, dentro da rolda de contactos cos líderes autonómicos.

Durante a conversación, que discorreu "con normalidade institucional", o xefe do Executivo en funcións mostrou a Torra o seu desexo de que a lexislatura que se inicie, se obtén a confianza da Cámara, sexa a "do diálogo".

O propósito de Sánchez é reducir a tensión territorial e renovar o diálogo e, para iso, quere conseguir un goberno canto antes que permita "dar estabilidade e encarar politicamente a situación en Cataluña".

Sánchez díxolle a Torra que se necesitará tempo, pero que o diálogo e a consecución dun goberno e uns orzamentos farán posible abordar cuestións crave para a vida dos cataláns, como a sanidade, a educación, as infraestruturas e os transportes, a dependencia ou a industria.

Urkullu fala con Sánchez da gobernabilidade e do modelo de Estado

O lehendakari, Iñigo Urkullu, falou co presidente do Goberno en funcións sobre a gobernabilidade en España e sobre o modelo de Estado na conversación telefónica que abriu esta mañá a rolda de consultas de Pedro Sánchez cos presidentes autonómicos.

Segundo confirmaron fontes do Goberno vasco, a conversación con Urkullu comezou ás 9.00 horas e prolongouse durante uns quince minutos.

Estas fontes precisaron que ambos os mandatarios non só falaron das posibilidades que ten Sánchez para ser investido, senón tamén do modelo territorial en España.

Urkullu xa avanzou que pediría a Sánchez que atenda a cuestión territorial de maneira "estrutural" e sen "tacticismos".

Urkullu foi o primeiro en recibir a chamada do presidente do Goberno en funcións pola orde protocolaria establecida ao ser a autonomía máis antiga, e continuou polo presidente da Generalitat de Cataluña, Quim Torra.

As conversacións iniciadas este martes enmárcanse, segundo as mesmas fontes, dentro da vontade de consenso de Sánchez para poñer sobre a mesa as necesidades, problemas e solucións que requiren os distintos gobernos autonómicos, as provincias e os seus municipios.

Tras recibir o encargo do Rei para ser investido, Sánchez subliñou o seu obxectivo de gobernar desde valores progresistas e co desexo de construír grandes consensos coas forzas políticas e cos máximos responsables das comunidades autónomas.

O PSOE ve avances na negociación con ERC
Paralelamente, o PSOE segue negociando a investidura de Sánchez. Houbo unha nova reunión con Esquerra Republicana. Nin un nin outro deron detalles do encontro, pero fontes socialistas recoñecen avances. Tamén falaron con Junts per Cat que mantén o non á investidura pero agarda ter máis contactos cos socialistas. As conversas abríronse por primeira vez á CUP, que votará non. E a EH-Bildu que pediu falar de autodeterminación e política penitenciaria. Más País e Compromís mostráronse confiados nunha próxima investidura de Pedro Sánchez.