Torra, nun chío: "A violencia non nos representa"
• Participa nunha das seis marchas que van a Barcelona
• Buch pide illar os grupos violentos
O presidente da Generalitat, Quim Torra, expresou este mércores nun tweet: "A violencia non nos representa e o sentido de xustiza empúxanos".
Torra agradeceu nunha mensaxe en Twitter recollido por Europa Press a presenza do ex-lehendakari Juan José Ibarretxe nas 'marchas pola liberdade': "Moitas grazas, lehendakari Ibarretxe, por querer acompañarnos na 'marcha pola liberdade' de Xirona. Unidos, cívicos e pacíficos". Torra reaccionou así a un chío de Ibarretxe en que o ex-lehendakari dicía: "Quérenvos violentos e divididos. A resposta: pacíficos e unidos".
Moltes gràcies, Lehendakari Ibarretxe, per haver volgut acompanyar-nos a la #marxaperlallibertat de Girona. Units, cívics i pacífics. Perquè la violència no ens representa i el sentit de justícia ens empeny. https://t.co/vLYzBMWtFn
— Quim Torra i Pla (@QuimTorraiPla) 16 de octubre de 2019
Seis marchas de protesta contra a condena á cúpula do procés saíron de diferentes puntos de Cataluña para confluír o venres en Barcelona. Obrigaron a cortar durante horas outras tantas estradas, pero en xeral desenvólvense de xeito pacífico. A elas sumáronse conselleiros e o presidente da Generalitat, que evitou pronunciarse sobre os graves disturbios da noite do martes nas catro capitais catalás. Quim Torra. Presidente da Generalitat: "Moi contento de que isto se estea celebrando desta maneira tan cívica, tan pacífica, como sempre facemos os cataláns"
O Conselleiro do Interior xustificou a Torra, di que é un home de paz que sempre condenou a violencia. Miquel Buch atribuíu os altercados a grupos de axitadores. Cualificou os disturbios de intolerables e pediu que non empanen as protestas pacíficas Miquel Buch. Conselleiro do Interior da Generalitat: "Son unhas imaxes intolerables que nin o pobo catalán nin o independentismo nin unha sociedade democrática poden permitir. A Policía, os Mossos d´Esquadra actuará para illar os violentos e pedimoslles aos cataláns e catalás que cando vexan un brote de violencia o illen eles tamén"
Os disturbios reabren fisuras no seo do Govern
Buch negou discrepancias no Goberno catalán polas protestas violentas. Pero entre os socios dos Govern escoitáronse voces críticas coa dureza das cargas dos Mossos d´Esquadra, que o conselleiro prometeu investigar. O vicepresidente catalán pediu intervir contra a violencia para que non sirva de escusa a unha nova intervención do Estado. Outros políticos de Esquerra Republicana criticaron abertamente o silencio do presidente Torra.