CRTVG

Buscar

Ada Colau non asiste á xuntanza de alcaldes convocada por Quim Torra

Publicado o 19/10/2019 14:59

Tras unha noite de actos moi violentos, este sábado reuníanse o presidente e o vicepresidente da Generalitat cos alcaldes e alcaldesas de Tarragona, Xirona e Lleida, afectados polos incidentes... A alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, decidía non acudir por considerar que era unha convocatoria "precipitada".

Tras a reunión, nunha comparecencia na Generalitat, Quim Torra esixía ao Goberno español abrir de maneira inmediata o diálogo para unha saída política e democrática.

"Instamos unha vez máis o presidente do goberno español en funcións a fixar un día e unha hora para sentarse nunha mesa de negociacións sen condicións a falar e a dialogar para acordar. É a súa responsabilidade e a súa obrigación", dixo.
"A defensa dos dereitos tense que expresar coma sempre pacificamente... a violencia non é nin será a nosa bandeira".
E engadiu: "Chegaremos tan lonxe como o pobo de Cataluña queira chegar".

Na súa intervención, o vicepresidente da Generalitat, Pere Aragonés, cualificaba a situación de "gravísima" por unha "sentenza que non representa, dixo, "ningunha forma de xustiza".
"Instamos o goberno español en funcións a que faga que a súa policía actúe en Cataluña baixo os criterios de proporcionalidade, congruencia e oportunidade".

Ada Colau presidía tamén esta mañá a reunión no Centro de Coordinación dos servizos municipais... Á saída, a alcaldesa facía unha chamada á calma... e urxía os actores políticos a que poñan solucións enriba da mesa...
"Condenamos todo tipo de violencia. Aquí hai un conflito de fondo, hai que interpelar os actores políticos que teñen máis capacidade para resolvelo, que se senten a falar", dixo Ada Colau.

O Concello de Barcelona elevou xa a factura polos estragos dos actos violentos destes días a máis de dous millóns de euros.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/10/2019