CRTVG

Buscar

Torra e Sánchez reuniranse a semana que vén para tentar reverter o peche de Nissan

Publicado o 29/05/2020 10:53
Torra e Sánchez reuniranse a semana que vén para tentar reverter o peche de Nissan

O Goberno da Generalitat de Cataluña e o Executivo central reuniranse a próxima semana para coordinar estratexias para tentar reverter a decisión de Nissan de pechar os seus centros de traballo en Barcelona.

Explicouno en declaracións a Onda Cero a conselleira da Presidencia da Generalitat, Meritxell Budó, que destacou que está "a traballar conxuntamente" co Goberno central.

"A próxima semana imos reunir o Goberno de Cataluña co Goberno do Estado para traballar conxuntamente de que maneira podemos afrontar a posibilidade de reverter esta situación, falando directamente con Xapón e o que faga falta", afirmou.

A reunión da próxima semana para buscar "solucións", que Budó concretou que será en Madrid, foi un dos asuntos que trataron onte xoves en conversación telefónica o presidente catalán, Quim Torra, e o presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

"Non temos ningunha dúbida de que o Estado fará todo o que estea na súa man" para tentar "reverter esta decisión" de pechar a planta de Nissan en Barcelona, aínda que "parece bastante irreversible", recoñeceu Budó.

Torra xa explicou que falara con Sánchez para activar "todos os mecanismos" para tentar "reverter" o peche e avanzou que os departamentos da Generalitat implicados nesta crise industrial coordinaranse cos diferentes ministerios para "actuar de maneira decidida".