CRTVG

Buscar

Torra afirma que a sentenza é inxusta e que forma parte dun "xuízo político"

Publicado o 14/10/2019 21:18

O presidente da Generalitat, Quim Torra, explicou que este luns pola tarde enviará ao rei Filipe VI e ao presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, senllas cartas para pedirlles unha "reunión urxente" co fin de "tratar a crise que se abre coa sentenza" do Tribunal Supremo.

Torra compareceu na Galería Gótica do Palau da Generalitat, flanqueado polos conselleiros do seu  Govern, o presidente do Parlament, Roger Torrent, e membros soberanistas da Mesa da cámara catalá, así como o ex-president Artur Mas, entre outras personalidades políticas catalás.

Na súa declaración institucional para reaccionar á publicación da sentenza do procés, Torra avanzou que nos próximos días comparecerá no Parlament para abordar este asunto e mañá pola mañá o Govern celebrará unha reunión extraordinaria.

Torra pedirá por carta as reunións co rei e Sánchez nun momento en que Cataluña "vive unha hora grave", tras coñecer unha sentenza contra persoas "honorables e pacíficas": "Condenalas é un insulto á democracia e un menosprezo á sociedade catalá", subliñou.

"O Govern e eu mesmo como presidente rexeitamos esta sentenza por inxusta e antidemocrática, por formar parte dun xuízo político e dunha causa xeral contra o dereito á autodeterminación de Cataluña e o independentismo", afirmou.

Nun discurso en que combinou catalán, castelán e inglés, Torra remarcou que organizar un referendo "non é ningún delito" estipulado no Código penal e denunciou que "se inventaron feitos e un relato falso" para levar a cabo "un acto de vinganza e non de xustiza".

Neste contexto, esixiu "a fin da represión e a liberdade de presos políticos e exiliados, incluída a amnistía como punto final para todas as persoas represaliadas".

Subliñou que o camiño para solucionar o conflito debería ser sempre "a palabra, o voto e a liberdade", pois "a ameaza, o castigo e a prisión non son solución para nada".

"O uso do Código penal contra a vontade popular é unha herdanza da ditadura, non un trazo propio da democracia", alertou.

Torra reiterou o compromiso do Govern de avanzar no camiño da república catalá "sen escusas" e advertiu de que a "represión non gañará a partida" á autodeterminación.

Neste sentido, indicou que o "sacrificio" dos condenados non será "en balde", senón "semente de liberdade e xustiza", e manifestou a súa convicción de que a sociedade catalá saberá responder con "firmeza" e, á vez, "sentido pacífico".

Ademais dos conselleiros, os membros soberanistas da Mesa do Parlament e Artur Mas, acudiron ao discurso institucional representantes das deputacións, das entidades municipalistas e os  ex-presidentes do Parlament Joan Rigol, Ernest Benach e Núria de Gispert. 

JxCat apela a responder á sentenza con "máis urnas e máis política"

A candidata de JxCat ás eleccións do 10N Laura Borràs manifestou este luns "consternación" pola sentenza do caso do "procés", coa que cre que o Estado "enterra" a política, pero chamou igualmente a responder o fallo con "máis urnas e máis política".

A ex-conselleira compareceu no Parlament xunto co portavoz de JXCat na Cámara, Eduard Pujol, para falar da sentenza do procés, que condena varios anos de cárcere aos seus carteis electorais do 10 de novembro: Jordi Sànchez, Jordi Turull, Josep Rull e Joaquim Forn.

Borràs subliñou que a resposta á sentenza "só pode ser máis urnas e máis política", que indicou que é o que "enterra" o Estado con este fallo: "Renunciar a facer política escudándose na vía penal", engadiu.

A ex-conselleira non concretou que pasos ou propostas fará JxCat nas xerais do 10-N ou, posteriormente, no Congreso dos Deputados. Só se limitou a dicir que "cada elección para os cataláns é plebiscitaria", xa que "no fondo está a sentenciarse á democracia" cando, remarcou, "votar non pode ser delito".

A candidata número dous de  JxCat por Barcelona ao Congreso indicou, neste contexto, que "o único camiño posible é a independencia", así que "contra a sentenza, independencia".

ERC: "A democracia morreu. É a maior agresión desde o xuízo a Companys"

ERC sostivo este luns, tras coñecerse a sentenza do Tribunal Supremo contra os líderes independentistas, que "a democracia morreu no Estado" e que a hoxe vivida é "a maior agresión" a Cataluña desde o xuízo ao ex-presidente catalán Lluis Companys, fusilado en 1940.

Así se expresaron nunha conferencia de prensa no Parlament a secretaria xeral adxunta e portavoz do partido, Marta Vilalta, e o portavoz do grupo do Congreso, Gabriel Rufián, que compareceron acompañados por varios deputados da cámara catalá.

"Os cataláns ante estas agresións sempre nos defendemos da mesma maneira. Na rúa, de maneira cívica e pacífica. Non coñecemos outra forma de facelo", dixo Rufián, que tamén chamou a responder "nas urnas" ao fallo do Supremo: "Se a súa vinganza foi unha sentenza, a nosa será unha urna".

Vilalta asegurou que "esta sentenza non é xustiza", senón que "responde a unha vontade de vinganza por parte dos poderes do Estado", e aseverou: "Hoxe o Estado escribiu a súa propia sentenza".

"Condenan estas doce persoas porque non poden condenar todo un pobo", proseguiu a portavoz do partido, que indicou que este fallo "non busca ningunha solución, busca o escarnio".

Engadiu que "a represión só agrava este conflito político" e que "a única solución é a democracia e a política".

"Amnistía, autodeterminación e república catalá", sentenciou Vilalta, que situou estes tres elementos como a guía política a seguir por ERC.

Rufián afirmou que "a inmensa maioría da poboación catalá" considera que o ditame do Supremo é "unha animalada" e que "a irresponsabilidade é histórica", dado que a "desafección" que parte da poboación catalá puido sentir por mor da sentenza do Estatut vese hoxe "multiplicada por dez mil".

Censurou así mesmo a "miopía, o salvaxismo e a barbaridade" que supón, ao seu xuízo, "subscribir, apoiar e acirrar esta sentenza". E avisou finalmente de que "as vinganzas, en política e na vida, sempre saen mal".

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí