CRTVG

Buscar

Torra acusa a Sánchez na CNN de "poñer o foco na violencia"

Publicado o 22/10/2019 08:45

En plena precampaña electoral, o afastamento institucional entre o Goberno e a Generalitat visualizouse onte en Barcelona, a onde viaxou Sánchez para apoiar as forzas de seguridade e os policías feridos nos disturbios.

O presidente do Goberno rexeitou reunirse con Quin Torra, malia que este fixo explícita a súa invitación. Esta noite pasada, na CNN, Torra volvíalle pedir a Sánchez diálogo para buscar unha solución política.

"A min non me representa a violencia, e condénoa. Pero o presidente Sánchez quere poñer o foco e dicir que hai problemas de convivencia e de violencia en Cataluña, e non é verdade", afirmou Torra.

Na mesma entrevista na CNN, Torra respondía tamén sobre a fractura do independentismo e as disidencias dentro do seu goberno. Dixo que descartaba dimitir mentres se vexa con forza e apoios para traballar pola independencia. Despois acusou a Sánchez de electoralismo.

O presidente, nunha visita de tres horas en Cataluña, visitou os policías feridos nos disturbios e agradeceu a implicación das forzas de seguridade, ás que pediu enfrontar con moderación as provocacións.

Na xefatura de policía estivo tamén Pablo Casado, que culpou a Delegación do Goberno de impedirlle a entrada ás instalacións. Desde o Ministerio do Interior responderon que se seguiu o protocolo habitual e que aos partidos non se lles permite a entrada. Casado coincide con Rivera en instar o Goberno a evitar que os presos do procés gocen do terceiro grao.

"O Goberno debe contemplar a posibilidade de trasladalos a outras prisións fóra de Cataluña, porque se estaría entón certificando o que vimos dicindo: que a Generalitat pode facer uso da competencia transferida polo PSOE para dar beneficios penitenciarios a estes condenados", dixo o presidente dos populares.

"Eu pido recuperar as competencias penitenciarias e que non poidan saír ata o último día de condena, como calquera cidadán español", declarou o presidente de Ciudadanos.

Sánchez lamenta que Casado e Rivera cuestionen os procedementos da lexislación penitenciaria: "Estou escoitando cousas de Abascal, que quere o estado de excepción; de Rivera, que quere ser presidente do Goberno para encarcerar, saltando o estado de dereito, o señor Casado hoxe falando dos narcoestados e as ditaduras para poñer en cuestión a lexislación penitenciaria. Pero imaxinádelos no goberno, por un instante? Estamos facendo o que temos que facer. E estámolo facendo sós".

O presidente do Goberno en funcións acusou a PP e C's de falta de lealdade e de solucións. Tamén se referiu a Torra, do que dixo debe empezar por falar cos partidos que representan a sociedade catalá, tamén aos non independentistas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/10/2019