CRTVG

Buscar

Piden que se investiga o posible descubrimento dunha gran necrópole neolítica en Tordoia

Publicado o 26/06/2020 14:18

O concello coruñés de Tordoia sería referente no estudo do neólitico se se confirman os indicios na contorna da Pedra Longa. O monumento pétreo milenario non está catalogado e semella que tamén as árbores queren tapar a súa grandiosidade, trece metros de altura e forma singular con tres metros de diámetro na base inferior visible e sete na parte alta. Son permenores que relata un estudoso empeñado en chamar a atención dos expertos sobre esta contorna.

Manuel Chouciño Pardo é párroco de Cabaleiros, en Tordoia. "Pedra longa se o traducimos ao bretón é menhir. Pedra longa é menhir", comenta convencido. "Creo que estamos ante o menhir, pedra longa, máis alto conservado. Hai un en Irlanda que ten 21 metros de altura, pero está feito tres anacos caído. Igual que lles pasou a moitos desta contorna, porque toda esta zona está chea de menhires".

Chouciño sostén que "Isto é para facer un parque. Porque estamos ante unha peza que transcende a importancia nacional. No momento en que os técnicos que teñen que vir, que non é o cura da parroquia, senón técnicos de verdade, especialmente os da Xunta. Teñen especialistas en monumentos megalíticos. É a xente que necesitamos, que nos certifiquen isto. Podemos estar ante a necrópole máis importante do neólitico. E mira que hai cousas importantes desa época en todo o mundo. Pero isto.... está todo por descubrir".

Este autodidacta subliña outra interrelación entre o grandioso elemento de Cabaleiros e a toponimia: "Sabes como se di en gaélico pedra longa? Tordoia. Estamos no concello de Tordoia".

Noticias web

26/06/2020