CRTVG

Buscar

Too Good To Go: unha 'app' que combate o desperdicio de alimentos

Publicado o 12/12/2019 12:46

En España tíranse 7,7 millóns de toneladas de comida ao ano e en Galicia son 170.000 as toneladas de produto que acaban no lixo. Son datos que se revelan nun informe elaborado pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura, tamén coñecida como FAO. 

Estas prácticas teñen un impacto social e económico negativo, pero tamén medio ambiental, polo mal aproveitamento dos recursos naturais e as emisións de CO2 na atmosfera. Na busca de alternativas para combater o desperdicio de alimentos, xorde Too Good To Go, unha aplicación coa que podemos adquirir comida de calidade, que se ía tirar e a un prezo reducido.

"O movemento nace no 2016 en Dinamarca, cando un grupo de amigos que se atopan nun buffet libre ven como se tira toda a comida non consumida ao final da cea" explica Paco López, portavoz de Too Good To Go. É entón cando deciden crear unha plataforma móbil na que os establecementos colaboradores poidan colgar os 'packs' cos seus excedentes de comida e vendelos a un prezo reducido. Na actualidade contan con máis de 16 millóns de usuarios e están presentes en 13 países europeos. 

Baixo a premisa #Acomidanonsetira, a aplicación de Too Good To Go permite a restaurantes, hoteis, supermercados ou froitarías vender o excedente de comida diario. Nada máis entrar, os usuarios poden ver os establecementos que teñen máis preto e decidir que 'packs' sorpresa queren salvar. O prezo oscila entre os 3 e os 5 euros. O usuario non sabe cal é contido do seu paquete, xa que depende do excedente que haxa cada día. 

Cafetería Lasso, un caso galego

Too Good To Go, chega a España chega a finais de setembro do 2018. Na actualidade, xa están presentes nas 4 provincias galegas e colaboran con máis de 30 establecementos. A Cafetería Lasso, no Auditorio de Galicia, é un deles.

"Con Too Good to Go levamos colaborando 2 meses. Soubémos da aplicación por un amigo que nos falou dela, púxonos en contacto con eles e ao día seguinte xa estabamos activados", comenta Noa Díaz, a xerente da Cafetería Lasso.

Noa tamén explica como se organizan. Cando remata o servizo de comidas ven o que sobrou e elaboran os dous 'packs' que sacan á venda. O excedente diario dálles para facer 'packs' e para comer as tres persoas que traballan alí.

Adoita sobrar máis dunhas cousas que doutras, pero que intentan que haxa variedade. Inclúen carne, peixe e tamén pratos vexetarianos. Cada 'pack' custa 3,50 euros e ao día seguinte entre as 16.30 e as 17.00 h pódese pasar a recoller o 'pack' sorpresa, o usuario non sabe o que vai recoller.

"Estas iniciativas deberían funcionar en moitos máis sitios, non só en restaurantes, en supermercados, en pastelerías, en froitarías… todas as tendas e empresas que realmente tiran comida todos os días", afirma Noa.

Nun principio pensaban que os que máis ían ir recoller os 'packs' serían estudantes universitarios, polo feito de estar no campus, pero resultou que ao final vai todo tipo de xente, "non co obxectivo de comer barato, que tampouco é esa a finalidade da aplicación, senón co de salvar comida de ser tirada".

E que opinan os usuarios?

Boa parte dos usuarios cre que o principal beneficio é que a comida que sobra do día nun restaurante, en vez de tirarse, lévaa unha persoa para a casa por un prezo económico. Á maioría non lles importa o factor sorpresa. Están contentos porque consideran que así contribúen co medio ambiente.

Dende a súa chegada a España, a aplicación Too Good To Go salvou máis de 400.000 'packs' de comida. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí