Os núcleos de menos de 5.000 veciños, sen franxas horarias desde este venres
• A Xunta decidirá que núcleo de poboación delimitará os movementos
• Máis do 55 % dos galegos viven en concellos de menos de 5.000 habitantes
• Nas entidades locais menores xa podían saír da casa sen restricións
Este xoves á tarde o presidente da Xunta anunciou a través da súa conta de Twitter que nos núcleos de poboación separados de menos de 5.000 veciños se poderá saír sen limitación horaria.
Feijóo comunicou que a noticia chega días despois de que a Xunta de Galicia pedira ao Goberno central que rectificase respecto deste asunto e agradeceu a corrección.
Desde mañana en núcleos separados de menos de 5.000 vecinos se podrá salir sin limitación horaria, como pidió la Xunta hace días y ayer reiteré a @sanchezcastejon. Agradezco la rectificación. Igual que si el Gobierno se equivoca es mi obligación decirlo, reconozco sus aciertos
— Alberto Núñez Feijóo (@FeijooGalicia) May 7, 2020
Desta maneira, Galicia rexerase polos mesmos criterios que o Principado de Asturias, que desde que se permiten as saídas da poboación xeral estableceu como parámetro os núcleos de poboación e non os concellos.
A Xunta decidirá que núcleo de poboación delimitará os movementos
A Delegación do Goberno en Galicia informou á Xunta de que será a encargada de decidir que núcleo de poboación delimitará os movementos no proceso de desescalada na comunidade autónoma. Segundo trasladou a Delegación do Goberno nun comunicado, o Executivo permite interpretar o núcleo de poboación como entidade singular e de marcada orixe histórica, como as parroquias e os concellos.
Permítese, segundo a resposta, interpretar o concepto de entidade colectiva de poboación como agrupación de entidades singulares, definidas á súa vez como unidades ou entidades intermedias entre a entidade singular de poboación e o municipio.
Neste contexto e para levar a cabo o proceso de desescalada desde a cogobernanza coas comunidades autónomas, é o propio Goberno galego o que definirá que núcleos de poboación se axustan a este criterio, para que llelo comunique aos concellos interesados e se poidan axustar á aplicación da Orde sobre horarios.
O BNG avalía positivamente a decisión de tomar como base os núcleos
O BNG avalía "positivamente" esta decisión que "permite en pequenos núcleos, especialmente rurais, saír ás horas máis convenientes con total seguridade". "Unha decisión, en todo caso, que se adapta mellor ás características poboacionais do noso país", salienta.
Os nacionalistas destacan a actuación "determinante" do deputado no Congreso, Néstor Rego, coa súa intervención este mércores na Cámara Baixa durante o debate da prorrogación do estado de alarma. "Foi determinante para pór fin a unha interpretación pensada para outras partes do Estado" e que "non tomaba en consideración o hábitat disperso de Galicia" e supuña un criterio diferente ao que se aplicaba en Asturias.
Lembran que Rego fixo referencia a esta cuestión como exemplo da "inadecuación do criterio xeral á realidade de Galicia con poboación dispersa", na que é habitual casos de concellos que pasan dos 5.000 habitantes, pero en que ningún se aproxima a esta cantidade.
Na xornada deste xoves, o delegado do Goberno falou con Néstor Rego inicialmente para comunicarlle que "estaban a estudar a fórmula adecuada", segundo indican os nacionalistas nun comunicado, e finalmente, a última hora da tarde, explicoulle que estaba "resolto".
A dispersión xeográfica, unha das características principais de Galicia
Unha das razóns que explican o uso desta referencia e non a xeral para o conxunto de España vén dada pola dispersión xeográfica da poboación que caracteriza a comunidade autónoma.
Os defensores de establecer os límites horarios polos núcleos de poboación de máis de 5.000 habitantes argumentaban que unha persoa pode vivir nun concello de máis de 5.000 persoas pero nunha parroquia moito máis deshabitada.
Deste xeito, quedarán exentas das restricóns horarias de movemento más de 1,1 millóns de galegos que residen en máis de 10.000 aldeas ou parroquias.