CRTVG

Buscar

Todos os clientes de Tenerife recuperan a subministración eléctrica

Publicado o 30/09/2019 10:59
Todos os clientes de Tenerife recuperan a subministración eléctrica

Todos os clientes de Tenerife recuperaron a subministración de electricidade ás 22.15 horas (hora canaria), nove horas despois do inicio do apagamento, segundo informou Red Eléctrica de España.

"Lamentamos todas as molestias ocasionadas nas últimas horas. Seguimos traballando para dar un servizo seguro e de calidade en todas as Canarias", asegura a compañía no seu perfil na rede social Twitter.

O apagamento xeral -"cero eléctrico", no argot das compañías do sector- comezou ás 13.11 horas, por unha avaría na subestación de Rede Eléctrica en Granadilla, no sur da illa. Ese problema, cuxas causas están baixo investigación, deixou sen luz toda a illa de Tenerife: máis de 920.000 habitantes ou, se se conta por contratos de subministración, máis de 467.000 abonados.

A Consellería de Transición Enerxética do Goberno das Canarias anunciou a apertura dunha investigación para pescudar as causas do ocorrido e establecer responsabilidades. Para iso, requiriu información tanto a Red Eléctrica como a Endesa.

A avaría sorprendeu decenas de persoas dentro de ascensores, que quedaron bloqueados. Segundo os bombeiros de Tenerife, ao longo deste domingo realizáronse máis de 70 intervencións para axudar persoas que se viron nesa situación.