CRTVG

Buscar

Todo preparado para a Mascarada de Viana do Bolo e Vilariño de Conso

Publicado o 10/01/2020 21:05

Acabamos de saír do Nadal, e o Entroido xa está petando na porta. Viana do Bolo e Vilariño de Conso acollen esta fin de semana a Mascarada. 

Viana prepárase para recibir o milleiro de persoas que participarán este ano na Mascarada. En Vilariño de Conso, implica triplicar a poboación durante a fin de semana.

Graciela Diéguez, concelleira de Cultura e Turismo de Viana do Bolo: "Está todo preparado. Temos instalacións no campo da feira, onde deixan as cousas, e están habilitados todos os hoteis e hostais da vila".

Melisa Macía Domínguez, alcaldesa de Vilariño de Conso: "Supón moito movemento económico para comercios, bares... pero tamén unha alegría grande para os veciños porque o entroido vivímolo desde pequeniños todos".

Un grande esforzo que ten a súa recompensa no entusiasmo dos próximos dous días.


45 grupos van desfilar polas rúas destas vilas, amosando as súas máscaras e as súas ancestrais tradicións. Incluídos os de aquí, os fulións e os boteiros, que tanta paixón sementan.

Marcos Macía García, boteiro de Vilariño e membro da organización: "Certamente, non sabes dicir que significa. Unha cousa que levas dentro, unha tradición de toda a vida, que non sabes explicar".

Veñen máscaras de Cantabria, do País Vasco, de Portugal, de Italia... Pero todas teñen algo en común.

Pedro Basalo Bembibre, boteiro de Viana e membro da organización: "Case todas levan chocallas, esquilas... cousas que fagan ruído e a cara tiznada ou cuberta para preservar o anonimato e poder facer falcatruadas".

Mañá á tarde será o desfile en Viana e o domingo á mañá en Vilariño.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/01/2020