CRTVG

Buscar

Tirapuxa entre o Executivo e o PP na sesión de control ao Goberno

Publicado o 20/05/2020 20:12

No Congreso, hoxe tamén houbo sesión de control ao Goberno. O PP reprochoulle a Iglesias que o Goberno gaste 250.000 euros ao día en asesores e o vicepresidente segundo cualificounos de indecentes por  facer, dixo,  oposición aos sanitarios. Pedro Sánchez recriminoulles aos populares que só busquen a "confrontación". Foi despois de que Pablo Casado o acusara de "mentir a todo o mundo".

"Para vostede gobernar é un xogo de trileros. Vostede méntelle a todo o mundo. Non ten ningún rumbo por iso, a súa soidade parlamentaria está coincidindo cada vez máis coa indignación cidadá. Pedímoslle unha vez máis que tome medidas aínda que sexa dous meses tarde", di Pablo Casado do PP.

"Criticar todo o que fai o Goberno é un insulto, pero non un insulto a este Goberno, é un insulto á intelixencia. Seguro que pode atopar moitos máis argumentos para unir que para confrontar. Vostedes o que fixeron, precisamente hoxe, é dimitir das súas responsabilidades como partido da oposición con responsabilidade de Estado", responde Pedro Sánchez, presidente do Goberno.

"Os autónomos pagan as súas cotas para que o seu Goberno gaste 250.000 euros ao día en asesores. Presume de escudo social mentres milleiros de ERTE non se pagan e moitos traballadores levan dous meses sen ingresar nin un euro nos seus fogares. O único escudo social que vostede está construíndo é para protexer o seu Goberno. Presentouse vostede como o Varoufakis español. Varoufakis é un señor rico, ministro que acabou arruinando un país recortando pensións e prestacións sociais. É vostede o vipresidente máis caro da historia", asegura Teodoro García Egea do PP.

"Fagan vostedes a oposición que queiran ao Goberno, critíquennos o que queiran, pero hai algo que creo que é indecente, señoría, e é facer oposición aos científicos, aos profesionais sanitarios e aos epidemiólogos. As mobilizacións que vostedes alentan xunto cos ultras para burlarse do estado de alarma están poñendo en risco o que conseguiu o esforzo dos españois. Os traballadores sanitarios non llo van perdoar, señoría", afirma Pablo Iglesias, vicepresidente segundo do Goberno.

Noticias web

20/05/2020