CRTVG

Buscar

Theresa May supera a moción de censura presentada pola oposición laborista

Publicado o 16/01/2019 21:30

A primeira ministra británica, Theresa May, superou a moción de censura presentada pola oposición laborista. Contou co apoio de boa parte dos membros do partido conservador e dos seus aliados, que onte lle deron un duro revés ao tombar o acordo do brexit pactado coa Unión Europea. 

O líder laborista, Jeremy Corbyn comezou o debate da moción de censura pedindo a dimisión de Theresa May. Considera que a primeira ministra conservadora perdeu a confianza do Parlamento en xeral e dos seus propios aliados tras o demoledor rexeitamento do martes ao acordo do brexit que pactou coa Unión Europea.

Pero incluso os socios que contribuíron a ese resultado apoiaron a continuidade de May como primeira ministra e votaron en contra da moción de censura.

Ao afastarse a súa caída, que supoñería conformar un novo goberno ou convocar eleccións, May volve ao punto de partida do martes. Pode presentar a votación un acordo alternativo de saída do brexit pero nun prazo mínimo que acaba o próximo luns.

Unha prórroga para facer o brexit é tecnicamente posible se o acepta Europa, recoñece o Goberno francés. Pero outro dos grandes socios, Alemaña, cre que só sería posible se Londres aclara que máis quere.

"Queremos unha saída ordenada, pero estamos preparados para unha saída desordenada", advirte Angela Merkel.

Reaccións

Bruxelas advírtelle a Londres de que os socios europeos non renegociarán o texto pactado para o divorcio e que foi rexeitado polo Parlamento británico. 

Cando faltan dez semanas para a prevista desconexión dos británicos do club comunitario, o que se supón que debería ser o último capítulo do brexit podería titularse: "O risco de divorcio ás bravas é máis alto ca nunca" . Ese escenario de saída caótica, con data no 29 de marzo se nada o impide, mantén en alerta e moi preocupados os socios europeos, que urxen a Londres a que deixe atrás as súas liñas vermellas para avanzar no consenso. En Bruxelas seguen tendéndolle a man ao Goberno británico para seguir debatendo, pero poñen un límite claro: non será posible renegociar nada do acordado.

Noticias web

16/01/2019