CRTVG

Buscar

Testemuñas, peritos e investigadores botaron por terra no xuízo a versión do Chicle

Publicado o 17/12/2019 14:27

José Enrique Abuín Gey, alias o Chicle, sempre defendeu que matou a Diana Quer de xeito involuntario, despois de que ela o sorprendera roubando gasóleo. Unha versión que tanto a fiscalía como a acusación particular intentaron desmentir. Estaban convencidos de que o móbil do crime fora sexual.

As testemuñas que desfilaron polo xulgado foron determinantes para reforzar a teoría do móbil sexual, e non dunha morte fortuíta. Peritos, axentes que participaron na investigación e tamén os forenses apuntaron nesa mesma dirección. Con elementos clave como a brida, posible arma do crime.

Foron xornadas difíciles para a familia de Diana Quer. Especialmente o día en que se proxectou un vídeo coa reconstrución dos feitos.

Pero a defensa de Abuín mantívose firme na petición de homicidio involuntario ou doloso. E mesmo cuestionou a investigación e o proceso xudicial.

Finalmente, tras varios días de deliberación, o xurado popular emitía o seu veredicto, que abría a porta á pena de prisión permanente revisable, tal e como pedía a acusación.

A sentenza é o punto final do caso Diana Quer. A moza de 18 anos que desapareceu no verán de 2016 na Pobra, e cuxo corpo apareceu case 500 días despois nunha nave de Rianxo. Un caso rodeado de incógnitas que conmocionou a comarca do Barbanza.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/12/2019