CRTVG

Buscar

Teresa Curiel, oncóloga: "O diagnóstico do cancro de mamá xa é unha ruptura. A túa vida cambia nese momento"

Publicado o 18/10/2019 11:40

A oncóloga Teresa Curiel falou hoxe no Bos días sobre o cancro de mama, a detección precoz e os novos tratamentos.

Sobre o cancro de mama con carga xenética, o que se produce cando se herda a predisposición a padecer cancro de mama ou de ovario, explicou que "é unha mutación nunha proteína concreta que non fai ben o seu traballo, que é reparar o ADN cando sofre algún dano". Esas persoas, segundo dixo, teñen máis probabilidade de padecer este tipo de cancro. Hérdase nun 50% dos casos, e quen padece esa mutación "pode trasmitirlla a un 50% dos seus fillos ou a todos, cun 50% de probabiidade".

Trasmítese tanto a fillas como a fillos, que tamén poden padecer cancro de mama e, sobre todo, transmitir a mutación á próxima xeración. A experta aconsellou que cando se identifica unha familia coa mutación de braca un ou dous, hai que intentar testar a todos os membros, homes e mulleres. 

Teresa Curiel dixo que ademais da faceta asistencial para diagnosticar, tratar e curar o cancro, hai outras áreas da vida directamente afectadas.

"Moita xente ten problemas para manter os seus traballos ou para atopar despois un emprego", sinalou.

As relacións familiares, a veces con exceso ou defecto de apoio, e a xestión dos espazos ou da información son facetas que se deben cuidar, segundo Curiel.

"Eu defendo a intervención dos psicooncólogos, aínda que a xestión aparentemente sexa boa, porque a veces son capaces de idenficar puntos de mellora que evitan que a longo prazo haxa algún tipo de ruptura máis dolorosa ou brusca", manifestou.

"O feito do diagnóstico xa é unha ruputura. A túa vida cambia nese momento, e tamén a da túa familia. A vida sexual, a vida social, perdes relacións... Hai moitas facetas que se alteran".

Sobre o aumento do número de casos, 33.000 mulleres diagnosticadas no que vai de ano, algo máis ca en 2018, Curiel lembrou que as campañas de mamografías e de control da poboación, que abarcan o 90% das persoas diana, axudan a facer un diagnóstico precoz que permite curar máis dos 85% dos casos. O control específico de familias de alto risco tamén a axuda.

En canto a investigación, a oncóloga lembrou que os médicos pasaron de tratar o cancro de mama como unha doenza localizada a entender que as células tumorais viaxaban a través do sangue e se convertía un cancro metastáseco.

"E agora ademáis sabemos que é unha doenza dinámica, é decir, que ao longo do tempo as células canceríxenas son capaces de adquirir unhas características e perder outras, e esa información axudounos a desenvolver novos tratamentos como inmunoterapia, ou terapias máis dirixidas a mutacións concretas que aparecen nesas células. Na fase de cancro de mama metastásico xa se están a utlizar con grandes exitos".

Curiel resaltou que cada vez hai mellores tratamentos para o grupo de doentes que non curan de todo, os que se diagnostican tarde ou que recaen.

"Probablemente nos próximos dez anos seremos quen de incorporar eses tratamentos ás pacientes con diagnóstico precoz para evitar xa as recaídas e mellorar aínda máis as taxas de curación. Estou segura de que esto vai ser así, pero leva un tempo".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/10/2019