CRTVG

Buscar

Orde de permanecer nas súas casas en Italia polo coronavirus para máis de 50.000 persoas

Publicado o 23/02/2020 21:30

A terceira vítima do coronavirus é unha anciá que vivía en Casalpusterlengo, na rexión de Lombardía, a tan só uns quilómetros da pequena cidade de Codogno, onde se rexistrou o primeiro afectado. A falecida estaba hospitalizada na área de oncoloxía de Cremona, e alí deu positivo ao virus.

A cifra de contaxiados nesta rexión é de 112 persoas. En total son 152, como confirmou o xefe do departamento de Protección Civil nas catro rexións do norte: Lombardía, Véneto, Emilia Romaña e Piamonte. As autoridades sanitarias anunciaron esta cifra despois de facer preto de 3.000 analíticas.
Unha vez que as autoridades prohibiron a entrada e saída de once localidades na provincia de Lodi, a 60 quilómetros de Milán, máis de 50.000 persoas teñen a orde de permaneceren nas súas casas. A policía controla os accesos e advírtelles aos condutores do estado de illamento da zona, mentres a cidadanía sae só para aprovisionarse de comida.

En Venecia, as autoridades cancelaron os dous últimos días do Carnaval e só se celebraron os actos programados para este domingo. Tamén se está vendo afectada a Semana da Moda de Milán con desfiles anulados, pasarelas sen público ou asistentes que acoden con máscaras ao evento.
Os encontros deportivos nas rexións de Lombardía e Véneto foron cancelados e as universidades permanecerán pechadas durante unha semana.

A carón destas medidas de control do virus as autoridades sanitarias continúan buscando a orixe do foco. Descártase que sexa un home que estivera na China e que tivo contacto co paciente número un, o cidadán italiano de 38 anos que vive en Codogno e continúa grave.

Noticias web

23/02/2020