CRTVG

Buscar

Tempo seco e frío en Galicia ata o mércores

Publicado o 20/01/2020 14:12

O ambiente frío e seco marca o panorama meteorolóxico nos primeiros días desta semana en Galicia. A intensidade do vento levou a MeteoGalicia a activar avisos para hoxe e mañá, en que a comunidade se encontra, no plano atmosférico, en situación intermedia.

Juan Taboada, meteorólogo de MeteoGalicia: "A borrasca Gloria está no Mediterráneo occidental e un anticiclón moi potente que hoxe ten máis de 1040 milibares está no sur das Illas Británicas. Nós quedamos xusto no medio. Iso fai que se forme un corredor de isóbaras perfecto para que o vento circule a moita velocidade, do nordés e, polo tanto, relativamente seco. Iso fai que teñamos avisos amarelos en terra, laranxa no mar, no litoral da Coruña onde vai acadarse forza oito e en terra nas horas centrais do día poderemos superar no litoral e zonas altas do interior 70-80 quilómetros por hora. Pero, non sería a borrasca Gloria a que deixa estes ventos, senón esa situación intermedia".

As previsións apuntan a que se vai manter este ambiente predominantemente seco ao longo da semana. Segundo explica Taboada: "Hoxe, mañá e o mércores, sobre todo pola mañá, imos ter unha situacion intermedia como a que definía antes. A partir de aí o vento irá calmando o mércores pola tarde. O xoves achégase unha zona de aire frío en altura e a inestabilidade aumentará, pode haber algún chuvasco o xoves. E logo, venres, sábado e domingo a situación estaría moito máis normalizada, con ventos do sur, temperaturas moito máis suaves e, en principio, non esperamos chuvia".

Cómpre seguir abrigándose, porque as temperaturas son de por si baixas e co vento a sensación corporal é que son de seis a oito graos menos do que rexistra o termómetro.

Noticias web

20/01/2020