CRTVG

Buscar

Tempo dos tradicionais ósos de santo

Publicado o 23/10/2020 14:35

Cunha boa materia prima, a base de améndoas e azucre, comeza nos obradoiros a elaboración dos tradicionais ósos de santo detrás do cales hai un importante traballo artesanal.

"Leva améndoa e azucre. Moemos as améndoas, mesturamos co azucre e faise un mazapán", explica Miguel Anxo Martín, da confeitería Martín de Lugo.

A tradición mantense viva ano tras ano e son moitos os que xa levaban días preguntando por eles con ansia.

"A xente xa preguntaba se os tiñamos feitos e aquí como facemos todo artesanal iso leva o seu tempo", conta Montse González da confeitería Madarro de Lugo.

A ninguén lle amarga un doce, especialmente neste momento tan amargo. Cada quen achégase a mercar os ósos de santo dos seus sabores preferidos e, aínda que agora hai moita variedade, dende chocolate e amorodo ata coco ou pistacho, os que máis triunfan son os tradicionais, o de xema e o de cabelo de anxo.

"Si, gústannos moito, pero non podemos comer todos os que queremos polo tema do azucre", "hai que darse un capricho, pero non pode un desviarse moito do domicilio, que está a cousa fastidiada","de xema e de cabelo de anxo","estamos nunha situación amarga, polo menos facela un pouco máis doce", din os veciños.

Para quen non lle gusten os ósos de santo tamén hai plan b e as confeiterías contan tamén con boliños de vento, outro manxar típico destas datas.

Noticias web

23/10/2020