CRTVG

Buscar

Telmo Ucha, novo edil de Democracia Ourensana, ofrece o seu apoio a Jácome

Publicado o 23/09/2020 17:08

Telmo Ucha, novo edil de Democracia Ourensana, ofrece o seu apoio ao alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, tras tomar este mércores posesión do seu cargo nun pleno extraordinario, tras a dimisión de Mario González.

Ucha prometeu "absoluta lealdade ao alcalde" para desbloquear a actual situación que atravesa a cidade.

O novo edil tomou posesión nun tenso pleno, no cal o rexedor chegou a retirar a palabra ao portavoz do BNG, Luis Seara, por non cinguirse ao obxecto do debate (modificación de crédito) e mesmo chegou a apercibilo de expulsión.

Nun conciso comunicado remitido aos medios de comunicación ao finalizar o pleno, Ucha xustificou esta decisión "profundamente meditada" co fin de "desbloquear a actual situación" da cidade de Ourense.

Esta nova incorporación permítelle ao rexedor desbloquear a actual situación no consistorio, ao poder celebrar as xuntas de Goberno, xa que é necesario un mínimo de tres edís e, ata o de agora, o único afín do propio Jácome era o tenente de alcalde, Armando Ojea.

Deste xeito, Democracia Ourensana pasa a gobernar a cidade de Ourense con só tres concelleiros, que terán que repartir doce áreas despois da ruptura do pacto de coalición do PP.

Se se confirmar o apoio de Ucha ao rexedor, a única posibilidade aberta para desbancar a Jácome da alcaldía (despois de que 24 dos 26 concelleiros no último pleno pedisen a súa dimisión) sería mediante unha moción de censura, que necesitaría do apoio de catorce concelleiros, que sumarían xuntos o PP e do PSOE.