CRTVG

Buscar

Teletraballo e medidas de protección tamén entre os galegos no exterior

Publicado o 06/07/2020 15:01

O Goberno británico estableceu o confinamento despois que outros países europeos e con medidas menos restritivas. Con todo, o chantadino Iago Fernández, que vive e traballa en Oxford, decidiu seguir as pautas adoptadas en España.

Asegura que el e a súa familia decidiron confinarse antes de que alí fose obrigatorio, e que mesmo adoptaron medidas non establecidas alí, como privarse de saír facer deporte, unha actividade non restrinxida no Reino Unido.

Tras varias semanas teletraballando, agora xa acode de forma presencial, pero con novas medidas como quendas rotatorias, uso de máscara e mesmo o envío diario dos datos de temperatura.

Ao outro lado do Atlántico, continúa teletraballando María Lamas, publicista, tamén orixinaria de Chantada, afincada en Cidade de México. Ela destaca como esa cidade, normalmente ruidosa e colapsada de tráfico, apenas ten coches, nin tráfico aéreo, cos centros comerciais e restaurantes pechados. Porque México estableceu un sistema de semáforos para a desescalada, que na capital aínda está en vermello.

Pero tanto María como Iago viven a situación con paciencia e, iso si, con moita ansia de poder viaxar ao seu país. María di ter esperanza e admite que devece por "volver á casa". Iago agarda a que abaraten os billetes de avión para volver "e tomar un churrasco coa familia".

Noticias web

06/07/2020