CRTVG

Buscar

A Feira de Emprego de Oleiros revela as mellores técnicas para atopar traballo

Publicado o 03/04/2019 18:48

Máis de 60 empresas de toda Galicia participan entre hoxe e mañá na Feira de Emprego e Formación da Escola de Negocios de Oleiros. A iniciativa, de balde e aberta a todo o público, busca favorecer as oportunidades laborais. 

Entramos con David nas instalacións da Escola de Negocios. Acaba este ano un máster en estratexia dixital. Necesita apoio extra para iniciar a súa carreira profesional.

David Iglesias, estudante da Escola de Negocios: "Aprender como afrontar unha entrevista de traballo e fortalecer ese paso intermedio antes de encontrar o traballo definitivo".

Primeira parada, o obradoiro de entrevistas rápidas, conversas duns sete minutos que se usan cada vez máis nos procesos de selección.

David López, orientador laboral: "O importante é que se mostren, que transmitan o seu talento, o seu potencial. Que contesten á pregunta que cada vez está máis de moda que é por que te van contratar a ti?, cal é o teu valor engadido?, que fai que te diferencies dos demais, porque ti es a persoa axeitada para este posto de traballo?".

Buscamos información sobre Linkedin, unha ferramenta útil para os que buscan traballo e tamén para os reclutadores, que rastrexan esta rede social á caza de talento.

Begoña Iglesias, técnica de recursos humanos: "Ter unha imaxe de perfil seria. Non unha foto de festa ou de paseo pola rúa. Igual a foto do carnet, unha foto máis profesional cun fondo branco ou algo máis neutro. E poñer, sobre todo, palabras chaves na parte onde falas do teu perfil".

Para acabar entramos na aula de revisión do curriculum, o primeiro impacto que o empregador recibe do demandante de emprego.

Lorena Otero, responsable de Recursos Humanos: "O que se busca é destacar. Non se trata de quedar simplemente na túa formación académica. Pensemos que canda ti 80 compañeiros máis tamén se estan graduando".

A feira bate este ano o seu rexistro de participación con 63 empresas, entre elas as máis importantes de Galicia.

Noticias web

03/04/2019