CRTVG

Buscar

Susto tras declararse un incendio durante a noite nun piso en Vigo

Publicado o 27/05/2020 21:46

Entre lapas, susto e moita alarma amencían neste edificio do centro de Vigo. Un incendio orixinado no oitavo andar obrigaba a evacuar os seus residentes, un matrimonio e o seu fillo. O incendio orixinouse nunha terraza pechada que se emprega como rocho. Viuno un veciño que vive no mesmo andar, alertado polo ruído ao rebentaren os cristais.

Foi, precisamente, esta rápida advertencia a que alertou os veciños que, cando chegaron os servizos de emerxencia, xa desaloxaran o edificio polo seu propio pé. Non houbo danos persoais, con todo, os bombeiros tardaron máis de dúas horas en apagar as lapas e tiveron que empregar o coche-escada para acceder.

A policía xa reuniu datos para esclarecer as causas do lume, pero, polo momento, non hai nada que aclare a orixe do incendio. Porén outras fontes apuntaron a unha posible cabicha mal apagada.

Noticias web

27/05/2020