CRTVG

Buscar

Suspendido o Deportivo-Fuenlabrada

Publicado o 26/07/2020 16:02

A Liga propón ao Comité de Competición que o partido non se xogue "por causa de forza maior" e que o Elxe dispute o playoff de ascenso

A primeira hora da tarde a Liga suspendía de xeito definitivo a disputa do Deportivo-Fuenlabrada. A imposibilidade do club madrileño de presentarse ao partido (ten 28 infectados por coronavirus entre o cadro de xogadores e persoal do club) fixo que a patronal do fútbol acabase por trasladar ao Comité de Competición o acordo de suspensión do encontro por "causa de forza maior".

A Liga tamén comunicou que será o Elxe o equipo que xogue a fase de ascenso a Primeira División. 

O organismo dirixido por Javier Tebas enxalza a "xenerosidade deportiva demostrada polo Fuenlabrada" ao acatar a decisión da Liga. Curiosamente, un dos altos directivos do Fuenlabrada é fillo de Tebas. "Xestos así representan os valores deportivos do fútbol, afrontando un sacrificio individual en beneficio do colectivo", reflicte a nota da Liga. 

Agora queda por saber cal é a decisión de Competición para os intereses do Deportivo. Nun principio sería darlle o partido por gañado por 3-0, un resultado que non serviría para librarse do descenso de categoría.