CRTVG

Buscar

Suspendido o San Fermín 2020 pola pandemia

Publicado o 21/04/2020 13:33

O San Fermín de 2020 queda suspendido pola COVID-19, segundo anunciou con "tristeza" o Concello de Pamplona, que apuntou que "a día de hoxe parece complicado que poidan celebrarse este ano", pero van esperar " a ver como evolucionan os acontecementos".

Aínda que ao longo da súa historia houbo varias suspensións das festas en honra de San Fermín, é a primeira vez nos dous últimos séculos que se toma esta decisión por unha epidemia, a pesar de que as houbo de cólera ou gripe española, segundo lembra o historiador Miguel Izu. A última suspensión foi parcial, durante un día, e tivo lugar en 1997 polo asasinato do concelleiro do PP Miguel Ángel Blanco a mans da ETA.

A alcaldesa en funcións, Ana Elizalde, en substitución do alcalde, Enrique Maya, convalecente da  COVID-19, deu a coñecer unha noticia que "por moi esperada que fose, non deixa de producirnos a todos un pouso de tristeza".

E aínda que aínda faltan dous meses e medio para o 6 de xullo, sinalou que "parece evidente, e creo que ese é o sentir da opinión pública, que nosas queridas festas están moi rifadas co coronavirus", polo que o Consistorio, en consenso con todos os grupos municipais, adoptou esta decisión.