CRTVG

Buscar

Suspendida en Baleira a busca dun veciño de Ribeira de Piquín desaparecido desde o venres

Publicado o 03/08/2020 18:22
Suspendida en Baleira a busca dun veciño de Ribeira de Piquín desaparecido desde o venres

Protección Civil suspendeu a procura dun home de 45 anos veciño da localidade de Ribeira de Piquín na zona do municipio lucense de Baleira porque se "está escondendo".

Segundo informaron fontes de Protección Civil da Fonsagrada, permanecen na zona patrullas da Garda Civil "cubrindo as pistas, por se decide saír do lugar onde está".

Este luns pola mañá o operativo centrouse no monte da Marronda, que conta "con moitas hectáreas de arboredo", concretaron as mesmas fontes.

Con todo, desde Protección Civil explicaron que o home se "tirou dun coche en marcha" tras discutir coa persoa que conducía e "meteuse no monte", por iso puntualizaron que se suspendeu o operativo de procura á espera de que o home "decida saír".

A pasada fin de semana membros da Garda Civil e Protección Civil de Ribeira de Piquín e da Fonsagrada, xunto con veciños da zona, realizaron labores de procura.

Así, este dispositivo rastrexou durante o domingo os montes no municipio veciño de Baleira dado que o domicilio do home atopábase preto da zona limítrofe co mesmo.

Ademais, as informacións apuntan a que o desparecido desprazouse nesta dirección, segundo indicou Protección Civil da Fonsagrada.