CRTVG

Buscar

Suspéndese a Feira do Capón de Vilalba

Publicado o 02/12/2020 20:17

Superados amplamente os cinco quilos de peso, os capóns de Vilalba xa case están listos para o sacrificio. Pero este ano non van poder lucir na feira porque a situación de pandemia, que se agravou en Vilalba nestes días, faino imposible. Con todo, os criadores confían en vender todos os animais. En parte porque levan anos comercializando a través de Internet e vía telefónica con clientes fixos e en parte porque algúns decidiron reducir o número de exemplares criados en previsión do que finalmente acabou sucedendo. A meirande parte dos capóns véndense para fora de Galicia, polo que o número de comensais autorizados en Noiteboa determinará as vendas finais.

"Que non haxa feira é un fastidio para compradores e vendedores. Pero é normal que non a haxa. Algúns xa están vendidos os clientes de sempre. E hai que mandalo". "Moitos teñen pensado collelos. Teño un cliente en Madrid que leva moitos e dixo que este ano mercaría. Pero foi hai días e haberá que ver como avanza isto",  quéixanse os criadores de capóns. 

Malia a pandemia, os capóns foron criados co manexo e alimentación tradicionais e tamén serán sacrificados co método artesán. Os prezos van ser coma os de anos anteriores, entre 80 e 100 euros cada exemplar. Hoxe coñecemos un dos segredos deste manxar: o recochado, que consiste en ferver brevemente o capón con azafrán para que o seu aspecto sexa o máis atractivo para o consumidor.

Noticias web

02/12/2020