CRTVG

Buscar

Sospeitan que a banda que entrou nunha vivenda de Vigo cometeu outros 60 asaltos

Publicado o 30/11/2020 09:33

• Controis aleatorios no marco da Operación Volvo para dar cos ladróns

A Policía Nacional mantén aberta a Operación Volvo para tentar localizar e deter os membros dunha banda de albaneses que terían cometido uns 60 roubos en Galicia. O último, a semana pasada nunha urbanización de Santo Andrés de Comesaña, en Vigo.

Daquela conseguiron deter un dos ladróns, un home de 32 anos, de nacionalidade albanesa, que, tras pasar a disposición xudicial, foi enviado á prisión da Lama. De feito, o sospeitoso recoñecería os feitos, e ademais sóubose que el e os seus cómplices tiñan unha orde de busca dun xulgado de Santiago, que lles atribúe outros 28 roubos cometidos na comarca de Compostela.

Ao parecer, a policía vencella esta banda con outros 30 roubos máis cometidos no sur da provincia de Pontevedra.

Agora, esta Operación Volvo mantén controis aleatorios para tentar dar co resto dos ladróns que empregan sempre o mesmo modus operandi: establécense durante varias semanas nunha mesma zona para cometer os asaltos en vivendas, ás que se dirixen en vehículos de alta gama coas matrículas falsas. Van vestidos de negro e a cara descuberta.

Ese modo de actuar foi o que rexistraron as cámaras de seguridade dunha vivenda no último asalto que realizaron en Santo Andrés de Comesaña. Nesa ocasión os ladridos dun can alertaron os veciños, que chamaron ás forzas de seguridade. Ao vérense sorprendidos, os ladróns fuxiron por un monte próximo, pero un deles foi alcanzado polos axentes.

Noticias web

30/11/2020