CRTVG

Buscar

SOS Sanidade Pública propón "unha grande mobilización" contra o peche da sala de partos de Verín tras o Nadal

Publicado o 09/12/2019 21:03

A Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia únese ás protestas contra o peche do servizo de partos no Hospital de Verín. Nunha concorrida asemblea que se celebrou esta tarde no Auditorio da vila, acordaron organizar unha mobilización tras as festas de Nadal, contra o que consideran unha "política de privatizacións" da Xunta de Galicia. Alertan do "desmantelamento dos hospitais comarcais" tras a reforma da Lei galega de saúde.

Mentres, continúa o peche indefinido de traballadores no hospital de Verín, iniciado hai unha semana, cando se suspendeu o servizo de partos.

A Xunta de Galicia reafírmase na decisión de trasladar o servizo a Ourense. O vicepresidente Alfonso Rueda reiterou hoxe que foi unha decisión difícil, pero avalada cientificamente, por cuestións de seguridade para as nais e os bebés.

Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta: "O fácil é tomar decisións que non sexan obxectivas, pero a Xunta de Galicia está obrigada a tomar as mellores decisións pensando na seguridade das mulleres, avalada por todas as opinións técnicas precisas. Polo tanto, esta é a decisións que se tomou, seguiremos explicándoa as veces que faga falta, respectando todas as manifestacións, pero o que nos obriga como administración responsable é actuar como estamos actuando".  

Noticias web

09/12/2019