CRTVG

Buscar

Sorprenden dous furtivos que collían ameixa en Poio e a agochaban en zulos

Publicado o 28/10/2019 14:30

A media mañá, as mariscadoras da Confraría de San Telmo xa cubriron o tope de ameixa, que clasifican aquí antes de levala á lonxa. Pero para quen non hai tope é para os furtivos. Esta mesma fin de semana a Policía Local e os gardapescas da confraría sorprendían en plena tarefa dous deles cando apañaban ameixa nesta zona do illote dos Ratos, en Poio, e lograban localizar a mercadoría en dous zulos terra adentro.

As mariscadoras saben que agora agochan así a ameixa. Segundo o gardapesca marítimo Juan Luis Casal, ese é o método que empregan agora.

"As nosas praias son moi accidentadas entón poden escapar por calquera sitio", explica, e engade que "o que máis lles importa aos furtivos é que non lles localicen a mercadoría".

Nesta ocasión puidéronlles incautar os case dez quilos que tiñan agochados nos zulos. Con todo, os vixilantes advirten da maior perigosidade destes individuos.

"Aumentou a súa agresividade", confirma Casal, que explica que a confraría os dotou de esprais de defensa persoal que tiveron que empregar. Ademais, explica que actúan de forma organizada con contravixilancia e asegura que xa queimaron os coches de algúns dos vixilantes. O vehículo co que patrullan a zona foi apedreado.

Nesta confraría incrementaron a vixilancia e a partir de novembro serán sete os gardas que percorrerán as zonas de cultivo. Piden un maior seguimento da mercadoría ilegal, porque mentres haxa quen estea disposto a mercala seguirá habendo quen vaia por ela.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

28/10/2019