CRTVG

Buscar

Sonia Zúñiga (CSIC): "É positivo que haxa ensaios clínicos en marcha para os compostos que poden ser posibles antivirais"

Publicado o 18/05/2020 10:20

Os investigadores, normalmente fóra dos focos, nestes tempos son a esperanza de todos para poder recuperar canto antes a normalidade.

Sonia Zúñiga, investigadora do Centro Nacional de biotecnoloxía do CSIC, membro do equipo que testa o medicamento de Pharmamar Aplidin, un fármaco que en Australia se comercializa desde hai dous anos para tratar o mieloma múltiple.

En opinión da doutora Zúñiga, antes da vacina deberíase atopar un antiviral: "As vacinas para o seu uso en seres humanos tardan bastante en desenvolverse porque teñen que pasar un procesos de seguridade. É positivo que haxa ensaios clínicos en marcha para os compostos que poden ser posibles antivirais".

"En colaboración con Pharmamar, probamos este composto nun coronavirus humano, pero dos que causa arrefriado común, e vimos que o composto era capaz de evitar que o virus se multiplicase utilizando unha dose moi baixa, moi inferior da dose aprobada para utilizalo como antitumoral. O paso seguinte é probar este composto cun virus máis parecido co SARS-Coronavirus-2, que causa a COVID".

Sobre o avance dos ensaios, a investigadora engade: "Calculamos que ata finais de xuño ou xullo non teremos datos en modelos de animais. O bo é que xa hai un ensaio clínico en marcha con pacientes con este fármaco, de maneira que os nosos resultados de laboratorio van ser complementarios dos que se obteñan deste ensaio".

Noticias web

18/05/2020