CRTVG

Buscar

Os casos activos en Galicia alcanzan os 740 polas subas nas áreas da Coruña e Vigo

Publicado o 11/08/2020 14:21

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade comunica que hai 740 casos activos de covid-19 en Galicia.

A área sanitaria da Coruña segue a ser a máis afectada polos aumentos de casos, chegando aos 406 (35 máis ca onte). A novidade está na área sanitaria de Vigo, onde tamén se rexistrou un aumento importante de casos, ata os 108 (23 máis ca onte).

Segundo a última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 740, deles 406 son da área da Coruña, 80 da de Lugo, 49 da de Ourense, 45 da de Pontevedra, 108 da área de Vigo, 41 da de Santiago, e 11 da de Ferrol.

En tendencia ascendente

Aínda que dende mediados de xullo os casos activos comezaron a aumentar timidamente en todas as áreas sanitarias, a curva de casos activos na área da Coruña segue a ser a que marca unha tendencia ascendente máis pronunciada, duplicando xa a suba do gromo da Mariña.

Con todo, coa última actualización en que se contabilizan 23 casos activos máis na área sanitaria de Vigo, a traxectoria da curva da área de Vigo debuxa o que podería ser o comezo dunha tendencia ascendente máis empinada. O resto de áreas continúan con pequenas subas diarias, incluída a de Lugo, que ve o gromo da Mariña visiblemente reducido e controlado.

 

Espállanse os gromos

Seguen a proliferar pequenos gromos pola xeografía galega. Os últimos son en Vigo, Salvaterra e no Val Miñor. Na Terra Chá, 50 xornaleiros permanecen illados polo positivo dun deles en coronavirus. Logo de facer 40 PCR, detectáronse outros dous casos máis entre os traballadores do mar de plástico chairego. Tamén se confirmaron 3 positivos en Chantada, e os seus contactos, unhas 20 persoas están en illamento domiciliario. En San Cibrao das Viñas, o positivo dunha muller de 82 anos procedente de Venezuela, orixinou outros 3 contaxios entre familiares.

Máis datos

Do total de pacientes positivos, 2 están en UCI, 31 en unidades de hospitalización e 707 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 11.454 persoas curadas, rexistrándose 621 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 266.893.