CRTVG

Buscar

Sobe a vinte o número de falecidos nas residencias intervidas pola Xunta

Publicado o 09/09/2020 20:18

A residencia DomusVi de Outeiro de Rei suma xa dous falecidos con coronavirus; a última, unha interna de 89 anos que morreu no propio centro nas últimas horas. O número de contaxios segue medrando. Agora mesmo hai 166 infectados: 142 anciáns e 24 traballadores. A Xunta tomou o control da residencia e agora son os médicos do Sergas os que atenden o persoal. Polo momento, o gromo parece concentrado na residencia. O concello de Outeiro de Rei pide que haxa un control estrito sobre o persoal que entra e sae do centro, para evitar que o virus circule entre a poboación.

José Pardo, alcalde de Outeiro de Rei: "Pídolles ás autoridades sanitarias que tomen as máximas medidas posibles, que teñan controlada esa xente, porque son os que poden levar o foco fóra da residencia".

A situación complícase tamén na residencia do Incio. O centro rexistrou nas últimas horas tres falecidos máis, co que xa son 18 os anciáns que morreron desde que se detectou o gromo. Hai agora mesmo 77 usuarios contaxiados e 30 traballadores que tamén deron positivo.

Con esta repunta de casos nas residencias, a provincia de Lugo rexistrou este mércores 919 casos activos, 123 máis que ca o día anterior. Deles case 300 están na propia cidade de Lugo.

Noticias web

09/09/2020