CRTVG

Buscar

Barbadás rexistra un gromo familiar con catro positivos e o de Vilamarín sobe a once

Publicado o 21/08/2020 23:05
Barbadás rexistra un gromo familiar con catro positivos e o de Vilamarín sobe a once

O número de positivos polo brote de Vilamarín (Ourense) subiu a 11 este venres, tras confirmárense catro novos casos, informaron fontes da área sanitaria. En concreto, deron positivo un home de 52 anos, dúas mulleres de 43 e 40 anos e un neno, explicaron as mesmas fontes, que indicaron que os 11 pacientes están en illamento domiciliario e controlados a través da plataforma Telea.

O persoal dos seus centros de saúde está a facer o seguimento do seu estado. Este gromo provocou que Sanidade adoptara a medida preventiva de restrinxir totalmente desde o xoves as visitas e as entradas e saídas da residencia sociosanitaria Santiago Apóstolo de Vilamarín e, desde este venres, as da residencia A Saleta de San Cristovo de Cea, co fin de "preservar a saúde e seguridade dos residentes e traballadores".

O gromo deuse a coñecer o xoves, após daren positivo seis persoas da contorna familiar do primeiro caso, o dun home de 45 anos confirmado o mércores. A análise de contactos levou a realizar varias PCR, as primeiras das cales detectaron seis positivos -dous homes de 48 e 36 anos, dúas mulleres de 44 e 31 anos e dous nenos-, aos que este venres se suman outros catro.

Novo gromo familiar en Barbadás con catro positivos

Un novo gromo rexistrado na provincia de Ourense afecta a catro membros dunha mesma familia residentes no concello de Barbadás, informaron este venres fontes da área sanitaria. O gromo, que se considera importado, afecta a dúas mulleres, de 90 e 65 anos, e a dous homes, de 74 e 59 anos. Todos eles atópanse illados no seu domicilio e os profesionais sanitarios do seu centro de saúde fan un seguimento telemático do seu estado. O centro de detección de contactos activou o protocolo pertinente de seguimento e estudo dos contactos máis estreitos para a realización de probas diagnósticas.