CRTVG

Buscar

O movemento Slow Food recomenda xantar amodo para gozar dos bos produtos do noso agro

Publicado o 18/12/2018 14:11

Á hora de comer, Galicia segue sendo sinónimo de calidade, pero a globalización dos mercados e as présas do mundo moderno tamén están a variar os hábitos de consumo dos galegos. Da importancia de conservar a calidade e a tradición dos produtos do noso agro e do pracer de desfrutar é do que fala o movemento Slow Food, que significa 'xantar amodo' en inglés, e que hoxe está presente en 160 países e conta con máis de 100.000 socios. O convivio Compostela, unha das dúas agrupacións de Slow Food que existen en Galicia, celebrou o TerraMadre Day, o aniversario do nacemento deste movemento cun xantar na cidade da Coruña.

A gastronomía é un dos principais sinais de identidade da nosa terra, algo que se pon de manifesto nos centos de festas e eventos culinarios que se celebran por todo o territorio galego, pero tamén na estrutura socioeconómica do país: en Galicia o complexo alimentario ten un peso económico de máis de 4.600 millóns de euros e xera máis de 105.000 postos de traballo, o que supón respectivamente o 8 por cento do produto interior bruto e o 10 por cento do emprego de Galicia. Toda esta actividade é xerada por máis de 2.500 industrias, das que o 90 por cento é de pequeno tamaño e están situadas en zonas rurais. Reinvindicar precisamente o valor destas producións, asociadas a uns hábitos de consumo e un xeito de alimentación máis sa e sustentable é un dos obxectivos do movemento Slow Food, que en inglés significa comida lenta ou xantar devagar, o que non é o mesmo que mastigar amodo:

"O termo Slow Food adoptouse en contraste coa Fast Food, porque este movemento naceu en Italia en 1986 cando Carlo Petrini e outros activistas protestaron pola instalación dunha cadea de comida rápida na emblemática Piazza de Spagna, en plena zona histórica da cidade de Roma", di Rocío García, secretaria de Slow Food Compostela.

"Todos os anos, polo mes de decembro, as distintas agrupacións de Slow Food celebran o nacemento deste movemento co Terra Madre Day, un xantar de exaltación dos produtos locais. O convivio Compostela, unha das dúas agrupacións de Slow Food que hai en Galicia celebrouno este ano no restaurante Next Door da Coruña, un dos establecementos hostaleiros que contan coa acreditación quilómetro cero de Slow Food", asegura Rocio.

O menú consistiu en produtos locais e elaborados de acordo coa filosofía Slow Food, coma os queixos da Casa Grande de Paderne, unha gandería de Chantada que hai pouco decidiu dar o paso de transformar o seu leite en queixos"

"Este ano o gran protagonista foi o porco celta, en croquetas, sopa e cocido, e que foi achegado por Tres Fuciños, unha cooperativa de criadores de porco celta que decidiron apostar por esta raza autóctona galega, cun xeito de crianza que encaixa perfectamente coa filosofía do movemento", conta José Miguel Moreiras, da queixería Casa Grande de Paderne.

"Unha maneira de reinvindicar un xeito de producir e de consumir máis respectuoso coa natureza, coa tradición e con nós mesmos", Isabel Costas, presidenta da cooperativa Tres Fuciños.




 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/12/2018