CRTVG

Buscar

Falece un home de 68 anos, usuario da residencia de maiores do Incio

Publicado o 22/08/2020 22:20

Esta tarde faleceu un novo usuario contaxiado na residencia do Incio, serían xa tres os falecidos neste centro, que foi intervido pola Xunta.

O último falecido sería un home de 68 anos que estaba ingresado no hospital Lucus Augusti, e que tiña patoloxías previas. Esta morte eleva a tres o número de vítimas vinculadas directamente co gromo de coronavirus detectado nesta residencia de maiores do Incio. A súa morte súmase á dun home de 77 anos que faleceu no propio xeriátrico e outro e 89, falecido no hospital. Formaban parte do grupo de 59 residentes que deron positivo en coronavirus nas probas practicadas tras coñecer o contaxio dunha traballadora vinculada co gromo de Monforte. Entre os contaxiados hai tamén oito traballadores.

 

Xa son tres os falecidos polo gromo de coronavirus detectado nesta residencia de O Incio. Trátase dun home de sesenta e oito anos, con patoloxías previas, que estaba ingresado no hospital Lucus Augusti e que se suma a o septuaxenario que morreu no propio xeriátrico e a outro pensionista de oitenta e nove anos que levaba días hospitalizado. 

Sanitarios do Sergas supervisan a evolución dos afectados. En total están infectados cincuenta e sete usuarios e oito traballadores da residencia. Están pendentes de coñecer o resultado das últimas probas para saber se o gromo se extendeu ao resto da poboación.

Para evitar novos contaxios, no concello veciño de Monforte intensificáronse as tarefas de desinfección. Aquí hai preto de dúas centas persoas illadas por contactos con positivos e continúan os rastrexos. 

O gromo detectouse nun edificio desta rúa. Os residentes dunha vintena de vivendas continúan confinados. Xa van corenta e sete positivos.

As únicas saídas que fan son para sacar o lixo ou recoller os alimentos ou medicinas que lles achegan. Nos primeiros días mesmo houbo problemas porque supermercados e restaurantes eran reticentes coa entrega a domicilio. 

En total, en Lugo hai 278 casos activos, 23 máis ca onte, segundo datos proporcionados polo Sergas.

 

 

Noticias web

22/08/2020